O Plan Revitaliza xa chegou ás cinco parroquias de Vilaboa

O traballo de distribución de composteiros individuais, que ademais incluía unha charla informativa, comezou a finais de xuño

Reunión do Plan Revitaliza. DP
photo_camera Reunión do Plan Revitaliza. DP

O reparto de composteiros individuais ao abeiro do Plan Revitaliza entre a veciñanza das cinco parroquias de Vilaboa vén de completar a primeira rolda. O traballo de distribución, que ademais incluía unha charla informativa, comezou a finais de xuño e fíxose en seis sesións nas que a veciñanza recibiu un composteiro individual de 360 litros, un manual de compostaxe, un aireador e un termómetro para poder facer compost na casa.O material foi acompañado dunha formación sobre a súa instalación, uso e materiais compostables.

A maiores das sesión realizadas nas parroquias, está previsto que se realice aínda un reparto e formación máis, concretamente no lugar de Paredes a mediados deste mes. Mentres, para todas aquelas familias que non puideran asistir ás charlas, poden dirixirse ao Concello e solicitar o seu composteiro individual, aireador, termómetro e manual de compostaxe.

Ademais, de cara a acadar o obxectivo de que toda a cidadanía do municipio trate os restos orgánicos procedentes de cociña e xardín mediante a compostaxe antes de fin de ano, o persoal técnico de residuos da Deputación programará unha segunda quenda de formación e reparto para a veciñanza que aínda non participara por cuestións como as ausencias por períodos vacacionais ou asuntos familiares. Segundo explica o persoal que levou a cabo os repartos, a asistencia ás xuntanzas e a acollida do proxecto resultou un éxito.

Nas reunións participaron mestres composteiros do Plan Revitaliza, unha técnico da asociación ecoloxista Amigos da Terra e o titular da concellería de Medio Ambiente vilaboés, Francisco Costa. Na charla explicáronse os motivos da importancia de xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas. Ademais desta formación inicial, durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza comece a compostar, as persoas usuarias terán asesoramento e seguimento técnico mediante visitas domiciliarias.

Comentarios