lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

O Pleno de Poio aproba o Orzamento máis alto da súa historia, con 13 millóns

O alcalde, Luciano Sobral. DP
O alcalde, Luciano Sobral. DP
O Goberno local defendeu as novas contas e reprochou ao PP que "critique uns investimentos que aumentan un 14% con respecto a 2020"

O Pleno da Corporación aprobou este martes o que supón o Orzamento máis alto da historia de Poio, que ascende a 13 millóns de euros. Unha vez finalice o pertinente período de exposición pública, e en caso de que non se presenten alegacións, entrará xa en vigor. Os votos a favor dos integrantes do tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio) serviron para sacar adiante unhas contas que, tal e como aseguraron dende o Goberno local, "garanten a dotación de servizos para a veciñanza, incrementan nun 14% o apartado para investimentos e foron elaborados desde a prudencia e a contención do gasto".

Os dirixentes municipais defenderon as contas, que engaden novidades como a Axenda Urbana, unha ferramenta para axilizar a obtención de achegas de diferentes institucións, ou un apartado específico (140.000 euros) para a redacción de proxectos "moi importantes para o desenvolvemento de Poio", como é o caso da rehabilitación integral do casco histórico de Combarro, melloras en instalacións deportivas como as pistas de Monte Baldío (Raxó) ou a posta en valor dos núcleos tradicionais. "Apostamos por unha previsión orzamentaria realista, aínda que ao PP seguramente lle gustaría máis que fixésemos unha estimación á alza que despois non se puidera cumprir", reprocharon dende o Goberno local. Durante o Pleno tamén se lembrou que varias destas actuacións levaranse a cabo con fondos estatais e europeos que non se inclúen neste documento.

O tripartito, ademais, mostrou a súa sorpresa pola "actitude dos populares, que consideran insuficientes preto de 600.000 euros en investimentos, cando esta cantidade, sen ir máis lonxe, é inmensamente superior ás partidas que a Xunta de Galicia prevé investir en Poio nos seus Orzamentos de 2021, con apenas 20.000 euros para acometer melloras na lonxa de Campelo", criticaron. O Goberno local asegurou tamén "bota en falta esa indignación do PP coa Administración autonómica, que inviste unha media de menos de dous euros por habitante no noso municipio e, un ano máis, volve esquecerse de demandas históricas e proxectos moi importantes para a veciñanza".

O Goberno local tamén reprochou que "o Partido Popular falta á verdade é cando asegura que este Orzamento municipal contempla unha suba de impostos ou taxas. Todas elas seguirán conxeladas, mantendo a tendencia dos últimos oito anos". O Goberno local garantiu que, á hora de configurar estes orzamentos "mantense a filosofía iniciada neste novo mandato, no sentido de impulsara criterios obxectivos á hora de achegar subvencións a colectivos". Neste caso, a principal novidade serán as bases para agrupacións de mulleres que fomenten actividades en favor da igualdade.

O Pleno tamén tratou a situación xerada pola pandemia, polo que o tripartito reiterou o "compromiso de seguir moi pendente das necesidades dos sectores máis afectados, mantendo medidas como a exención do pago das taxas de terrazas e estudar fórmulas para impulsar a dinamización dos profesionais" con iniciativas como Quen é quen, que permanece activa ata finais de mes, e Poio Confía.

OPOSICIÓN. O concelleiro popular responsable de Facenda, Sergio Pereira, criticou a aprobación dos Ozamentos que, asegurou, "chegan tarde, xa tiñan que estar aquí en novembro do 2020 e estamos a finais de xaneiro do 2021. Non sabemos se é que non chegaron a un consenso antes ou é pura vagancia e pasotismo" e asegurou que "non contemplan unha partida específica de axudas para os os sectores máis profesionais afectados, como poden ser a hostelaría, feirantes, autónomos ou negocios que viron reducidos os seus ingresos".

Pereira criticou duramente que se trata duns Orzamentos que "non son transparentes, nin participativos e minten" xa que, explicou, "debería ser un documento obxectivo e coa imaxe fiel deste Concello é non o é. De 13 millóns, so destinan un 4,4% a investimentos que supoñen 615.000 euros. Son moi poucos cartos para investimentos pero é que a día de hoxe de estes 615.000 euros soamente hai 50.000, os 565.000 ides a ter que pedilos de novo aos bancos. Seguro que para o mes traedes de novo un préstamo que afogue aínda más o Concello. Deste xeito, xa superaremos os máis de seis millóns de euros de débeda os bancos", dixo.

O Pleno de Poio aproba o Orzamento máis alto da súa historia, con...
Comentarios
ç