miércoles. 16.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 16.06.2021
El tiempo

No poboado do Vao, as emocións importan

Alumnado da escola unitaria do Vao traballando as emocións. GONZALO GARCÍA
Alumnado da escola unitaria do Vao traballando as emocións. GONZALO GARCÍA
A escola infantil unitaria de Poio vén de desenvolver un traballo vencellado aos sentimentos dos cativos e cativas

Teñen entre tres e seis anos e unha mirada viva e intelixente capaz de transmitir o moito que a escola está a significar nas súas vidas. Chegan pola mañá cedo e calzan as zapatillas. "É que aquí estamos coma na casa", di a mestra. "Eles veñen á súa casa e sempre din que somos unha familia, encántalles", asegura.

Non en van, a Escola de Educación Infantil (EEI) do Vao é a única unitaria do concello de Poio que mantén abertas as súas portas, despois de que entre 2015 e 2017 pecharan as EEI de Tarrío, en Samieira, a de O Sartal, en San Xoán, e a de Portosanto, en San Salvador, unha circunstancia que depende de manter o mínimo de seis alumnas e alumnos, tal e como esixe a Consellería de Educación.

Reportaxe na escolamunitaria do Vao

E o espírito da unitaria nótase. Tanto para a cativada, que procede na súa totalidade do poboado do Vao como para elas, as mestras que se adican en corpo e alma a estes nenos e nenas. "As unitarias non teñen nada que ver con outros colexios, aquí os tempos márcalos ti. Aínda que temos un horario, se precisamos adicar tempo a un dos nenos ímolo facer. Non hai as présas doutros coles, nin as que ten a sociedade hoxe en día: que se o timbre, que se levo o bocadillo ao patio porque non me deu tempo... o que pasa noutros colexios, que todo é máis rápido, máis marcado. Aquí non é así. Fan un traballo e pódelo avaliar no momento, corríxelo con eles. Tes un tempo que ti dirixes, pero sempre acorde a eles", explica Pilar Estévez, titora da clase.

E é, en efecto, un día a día máis humanizado, máis cercano. A media mañá deste venres, derradeiro día lectivo da semana, a cativada bulía inqueda pola aula. Gael, vestido de enfermeiro, exploraba o recuncho dos xoguetes mentres Ylenia e outras dúas compañeiras amosaban os debuxos e traballos que fixeran os días anteriores. Ese venres eran catro, pero habitualmente xúntanse os seis cativos e cativas que, actualmente, manteñen en pé esta escola. Logo, cada un no seu sitio, arredor da mesa de traballo, comezaron a falar das emocións ás que veñen adicando moitas horas das últimas semanas, pero que, tal e como explicou a mestra Pilar, "nesta escola traballámolas todos os días". Trátase dun proxecto impulsado pola Concellería de Educación de Poio para traballar as emocións na escola a través dunha guía didáctica que a EEI do Vao adaptou á súa realidade, da man da titora e da mestra de pedagoxía terapéutica, Marisa Bello. Ambas traballan xuntas na aula, sempre atentas ás necesidades do alumnado, unha labor que desenvolven dende entre 2012 e 2013. "As emocións non xorden nun papel, están sempre presentes e aquí témolas moi en conta", asegura a mestra Pilar.

As alumnas e o único alumno do día son a mellor proba disto. Interesados na actividade, non paran de amosar o traballo feito nos cadernos, adornados con textos e debuxos dos que non poden estar máis orgullosos. "Ao estar xuntos tamén espabilan antes. Aquí os máis pequenos sempre queren facer o que fan os maiores. Se hai que escribir, eles tamén, e se hai que xogar ao que sexa, van detrás", asegura a titora.

As emocións, aclara, "é algo moi importante en todas as escolas. Mesmo nós os adultos seguimos sen manexalas, polo que se se empezan a traballar de pequenos é moito mellor. Así podemos percibir cando estamos tristes ou alegres, sentimos medo, enfado, e distinguilas, que é moi importante. É un proceso moi longo que se debe traballar dende sempre", di.

Reportaxe na escolamunitaria do Vao

MÉTODO. O método de traballo emocional na unitaria do Vao, explica a mestra Pilar, parte sempre dunha situación real. "As emocións hai que traballalas cando aparecen, e todos os días. Se, por exemplo, de repente atopamos unha araña na clase e temos medo, é cando hai que traballar a emoción, que é como facemos nós. E sempre hai nenos que o precisan máis que outros", destaca.

Neste sentido, ademais de partir de emocións reais "que lle estén ocorrendo ao neno nese mesmo momento", a clase traballou en grupo cun folio xiratorio, o visionado de vídeos, diferentes cancións e, sobre todo, moito diálogo. "Tamén fixemos o exercicio de debuxar ao compañeiro, reflectindo como te ve o outro. Parecíalles moi simpático e dicían: eu non son así! Non teño esa cabeza! Tamén tentamos averiguar onde sentiamos as emocións, e convertéronse en expertos cada un nunha delas. Para ser nenos tan pequenos deron moi boas respostas", asegurou a mestra que, confesou, a emoción favorita da clase é o medo. "Gústalles moito ese tema porque a estas idades están cos terrores nocturnos e ese tipo de cousas. Para eles o medo é algo moi importante e, neste sentido, non necesitaron traballalo. Teñen ese sentimento moi claro", explicou.

Pero, medos aparte, a sensación que máis se pode palpar tras as paredes da unitaria do Vao é a dun inmenso cariño. "Nos amamos mucho", adoitan dicir estes intelixentes cativos.

No poboado do Vao, as emocións importan
Comentarios
ç