"Pode ser que teñamos que atrasar algún plan pero a EDAR e o centro de saúde, non"

Agustín Reguera Ocampo cumpre este mes 25 anos como rexedor de Soutomaior
Agustín Reguera. DAVID FREIRE
photo_camera Agustín Reguera. DAVID FREIRE

Agustín Reguera está a pasar un momento atípico no mes das súas vodas de prata coa Alcaldía. Un posto no que se sentiu sempre moi querido polos veciños, pero un momento coxuntural dos máis complicados da historia. Botando a vista atrás, recoñece que non viviu outra crise coma esta. Tal vez ter deberes feitos nestes 25 anos como os avances en saneamento, dotacións e o incremento poboacional, poden axudarlle a este concello a pasar con fortaleza polos tempos duros que trae o coronavirus. O alcalde insiste en que o importante agora é que "ninguén quede atrás".

Tócalle celebrar os seus 25 anos ao fronte da Alcaldía de Soutomaior tras dous meses como alcalde en tempos de coronavirus. Cal das dúas experiencias, contrapoñendo esta máis recente co resto da súa traxectoria, é a que destacaría agora mesmo?

Pois loxicamente esta. Ningún de nós viviu nada semellante antes. É algo para o que non estás preparado e para que supón a maior das responsabilidades para todos os representantes públicos.

Pensou algunha vez que puidera chegar a estar ao mando nun escenario coma este?

Nunca pensas que algo así poida acontecer. Estar ao mando nestas situacións é algo que che toca e que esixe estar á altura, pero aos alcaldes e a todo o mundo: todos estamos a dar o mellor de nós mesmos.

Hai xa máis dunha década, ante a crise de 2008, vostede postulou que á cidadanía lle deixarían de interesar as obras faraónicas para apreciar os servizos e a capacidade de resposta ás súas necesidades. Tras este golpe sanitario e social, cal cre que será a prioridade?

Sigo a pensar o mesmo, o importante é ter un bo servizo no día a día. E agora máis que nunca, nos peores momentos hai que estar preto dos veciños e disposto para axudalos no que precisen.

Como vive Soutomaior, con forte presenza do sector hostaleiro na súa economía, os efectos do confinamento?

Hai algún punto forte que faga que esta vila estea preparada para esta situación? Se algo distingue os nosos hostaleiros é a súa profesionalidade. Esa é a súa fortaleza e que fará que consigan saír adiante. Nos estamos intentando axudarlles con varias medidas, coma as impostas para as novas terrazas sen custe, e estamos seguros que pronto estarán de volta.

Soutomaior viña xa protagonizando movementos e reivindicacións pola sanidade. Preocúpalle que poida haber aínda máis necesidades trala desescalada? Como van os plans do centro de saúde?

Esta situación reforza aínda máis a nosa preocupación polo estado da atención sanitaria no noso concello. Xa era unha prioridade e seguirá sendo así. Nós o que podemos facer é axudar en todo o posible, coma fixemos instalando as carpas de ampliación temporal durante a Covid.

"Soutomaior mudou moito neste tempo. Somos uns dos que máis medrou en porcentaxe de poboación en Galicia"

Tensións sociais, temor ás consecuencias económicas, incertidume sobre a educación e os máis novos, necesidades emerxentes dos vulnerables... Cal é a prioridade e como se pode responder desde o eido local a todos estes cambios?

A nosa prioridade é que non quede ninguén atrás. Temos que estar cos máis desfavorecidos para darlles a axuda que precisen. E nesa tarefa os concellos somos fundamentais, porque somos a institución máis próxima aos cidadáns.

Como calcula que vai afectar a irrupción do virus á folla de ruta deste mandato? Houbo que aprazar plans ou desviar partidas?

Pois é unha opción que aínda estamos a valorar. Pode ser que por esta situación teñamos que atrasar algún plan ou proxecto. Pero os principais van seguir adiante. Tanto o proxecto da nova EDAR de Arcade coma o do novo centro de saúde seguirán o seu curso. Que é o que lle piden os veciños agora mesmo? Dúas cousas: cercanía e que non deixemos ninguén atrás. A principal preocupación dos veciños está cos máis desfavorecidos, e iso di moito da nosa veciñanza. Como lembra os seus inicios en política? Que cambiou en Soutomaior todo este tempo? Con moita ilusión. Chegar á Alcaldía foi algo totalmente inesperado e recibir tanto agarimo da veciñanza foi algo moi especial. Soutomaior mudou moito neste tempo. Somos un dos municipios que máis medrou en porcentaxe de poboación de toda Galicia. Pasamos de 4.000 veciños a case o dobre, e iso para un concello supón un incremento de servizos moi importante en todos os eidos.

Cal foi a clave para xestionar o crecemento?

Pois, a principal, atender as necesidades dos novos veciños. No eido educativo, cultural, deportivo e de servizos.

"Nin pensei en chegar á Alcaldía o primeiro día, nin logo pensei en deixala. Sempre souben que o meu lugar está cos veciños"

Que destacaría como logros destes mandatos?

En 25 anos tivemos moitos. Instalamos saneamento en todo o concello, que non se ve, pero son moitísimos cartos investidos para dar servizo a todos. Tamén somos un dos poucos concellos que ten o PXOM aprobado, recuperamos o Multiusos e o paseo marítimo, fixemos o pavillón e moitas instalacións deportivas, instalamos parques para nenos por todo o concello e somos un referente en igualdade na nosa bisbarra. Ademais, logramos a construción do instituto e reformamos todos os centros educativos... Acadamos moitos logros, pero o maior é o respecto e o agarimo dos veciños, máis aló das ideas políticas.

Cales lle quedan por cumprir?

A sanidade. É a nosa prioridade neste momento e o que máis preocupa ós nosos veciños. Antes de esta situación tamén estabamos traballando moito no medio ambiente coa nova EDAR de Arcade, potenciando a compostaxe, cun punto limpo móbil e outras actividades.

Pensou nalgún momento en que estaría tanto tempo á fronte da Alcaldía? Sentiuse seducido por pasar á esfera autonómica ou estatal?

Nin pensei en chegar á Alcaldía o primeiro día, nin logo pensei en deixala. Sempre souben que o meu lugar está cos veciños. Aquí é onde máis podo facer por eles.

Pesan os anos nun posto de tanto desgaste? Está nos seus plans volver a presentarse?

Claro que é un posto con desgaste, pero a ilusión que fai ver como se van dando pasos adiante compensa de sobra os malos momentos. Agora mesmo nin o penso. O 2023 queda moi lonxe e agora mesmo hai moitísimas cousas que facer antes de pensar niso.

Que debe ter un alcalde preferentemente: capacidade de xestión ou carisma?

As dúas son fundamentais, coma tamén o son a humildade, o sentido común, e sobre todo ser accesible e escoitar os veciños

Considérase da vella escola ou da nova? Que aconsella aos compañeiros que dan o salto á política?

A miña escola é o sentido común. Aplicado a cada momento e cada decisión. Non sei de que escola será iso, pero si sería o meu consello para os novos alcaldes. Sentidiño, humildade e ser construtivos.

Cal é o seu peor recordo como político? E o mellor?

Sen dúbida, os peores momentos foron os incendios e a situación actual. E os mellores son case todos os días, na relación directa cos veciños. Poder axudalos e resolver os seus problemas. Cada problema resolto é unha satisfacción persoal.

Comentarios