Poio aborda cos alumnos do IES a presenza do sexismo en Youtube

O Concello traballa especialmente con nenos e adolescentes dentro da programación do 25-N para atallar condutas machistas
Un momento da actividade orgalizada polo Concello polo 25-N. DP
photo_camera Un momento da actividade orgalizada polo Concello polo 25-N. DP

Alumnado do IES de Poio participou no obradoiro Que vexo no youtube, dentro da campaña A violencia machista vai contigo, que non te enr@den organizada polo Concello de Poio para conmemorar o 25 de novembro. Ademais desta actividade, a Caravana Morada tamén estivo toda a mañá aparcada no patio do centro escolar para repartir material e información.

Máis de un centenar de rapazas e rapaces de terceiro da ESO recibiron información e as directrices para seren capaces de facer unha análise crítica sobre os vídeos que consumen a través de youtube, proporcionándolles unha visión de xénero, reconstruíndo as mensaxes sexistas que reciben e propoñendo novos modelos baseados na equidade e no bo trato.

Natividad Torres, edil de Benestar e Igualdade destacou que un número considerable de preadolescentes, adolescentes e mozos viven en constante conexión cos seus e as súas youtubers favoritas, mozos e mozas que soben os seus propios vídeos ás redes sociais, e nos que, ademais de falar sobre videoxogos, beleza ou outras cuestións, tamén inclúen a súas opinións persoais, moitas veces cargadas de roles e estereotipos sexistas.

Ademais, este obradoiro pon sobre a mesa datos alarmantes como que o 50% dos nenos e nenas de entre 11 e 13 anos viron pornografía na internet, por iso destacan a importancia da campaña deste ano, para intentar concienciar, formar e involucrar ás idades máis novas: "Todos levamos un móbil no noso peto, por iso a violencia machista pode ir con todos. É a nosa obriga que non nos enreden, que saibamos dar un bo uso das novas tecnoloxías", destaca.

A campaña do Concello de Poio xa comezou no mes de outubro e prolongarase ata o 20 de decembro. Este ano convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías e lembrar que hai que poñer normas e límites para facer un bo uso delas e redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias. Por iso, céntrase especialmente en obradoiros, teatros e exposicións para concienciar aos máis novos. 

A finais de novembro tamén se organizará un obradoiro sobre violencia nos videoxogos, cunha charla teatralizada para o alumnado de sexto de Primaria de todos os colexios de Poio e no que unha psicóloga experta en xénero analizará, coa axuda do alumnado, os contidos dos videoxogos máis populares, debatendo sobre os valores, modelos e estereotipos  que transmiten. Xa en decembro, o instituto acollerá a exposición Chicas Nuevas 24 horas, baseada no documental do mesmo nome da directora Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación de mulleres e nenas así como a pornografía.

Camiño violeta

Os máis novos tamén son protagonistas do vídeo institucional que se vai emitir o próximo domingo, durante a andaina Camiño Violeta. Nas redes sociais do Concello xa se pode ver un adianto, no que alumnado de Secundaria conta as súas experiencias, pero o vídeo completo proxectarase o domingo.

Para ese día, o Concello organiza, en colaboración con Asampo unha andaina que parte do Parque da Memoria ás 9.00 horas, para chegar a Lourido ás 10.30 horas aproximadamente. A segunda parte da andaina transcorrerá entre Lourido e Pontevedra, facendo un percorrido de 1,7 km que inclúe a zona monumental e remata na Praza de España. 
 

Comentarios