Poio abre un novo aparcadoiro gratuíto na 'Finca da Coca-Cola'

O espazo ten 6.000 metros cadrados e unha capacidade para 151 vehículos
Moldes e Cochón, no novo aparcamento. RAFA FARIÑA
photo_camera Moldes e Cochón, no novo aparcamento. RAFA FARIÑA

Poio conta desde este luns cun novo aparcadoiro disuasorio con 151 prazas de estacionamento libre e gratuíto, das que catro serán para persoas con mobilidade reducida. O alcalde, Ángel Moldes, visitou este espazo coincidindo coa apertura de portas, acompañado pola concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón.

O estacionamento ocupa a antiga Finca da Coca-Cola, unha parcela de 6.000 m² na rúa Valiña, na parroquia de San Salvador que levaba máis de 15 anos sen uso. Nas últimas semanas, leváronse a cabo tarefas de acondicionamento e limpeza, retirada de material, mellora do firme e nos próximos días rematará coa instalación de puntos de luz para garantir a máxima seguridade.

"Estamos ante un novo feito, facemos realidade un compromiso que adquirimos cos veciños desta zona para dar resposta a unha demanda histórica", subliñou Ángel Moldes, ao tempo que recoñeceu que "os residentes neste lugar tiñan que facer auténticos malabares para atopar unha praza cando volvían do traballo".

O alcalde explicou que o desbloqueo do proxecto foi posible grazas a unha modificación puntual do PXOM, aprobada no pleno de agosto, e a sinatura dun convenio coa empresa propietaria dos terreos permitindo o seu uso inmediato con fins de aparcamento. Con todo, dixo que o obxectivo era abrilo antes, pero os 30 días de temporais condicionaron a posta a punto do aparcamento.

Pola súa banda, a edil de Urbanismo destacou a satisfacción de recuperar uns terreos de gran extensión que lamentablemente levaban moitos anos baldíos e sen uso "para darlles unha nova vida e poñelos á disposición da xente nunha das zonas máis dinámicas e poboadas de Poio".

Máis de 5.000 persoas viven nun radio de 500 metros do novo aparcamento, entre eles case 1.500 só nas rúas Valiña e Benigno Esperón. "A todas elas beneficiará directamente este espazo, así como ao comercio, a hostalaría e a todo o tecido económico e social da zona", sinalou.

Comentarios