Poio abre un prazo de dez días para anotarse no concurso do Desfile do Entroido

Ademais do desfile, este ano celebraranse os enterros do Mexillón de Combarro, o 24 de febreiro, o do Berberecho de Lourido o 26, o do Galo Fodorico, o 4 de marzo e o do Galo Bruxo de Samieira, o 18 de marzo
A concelleira de Cultura, na presentación da programación, acompañada das asociacións locais. D. FREIRE
photo_camera A concelleira de Cultura, na presentación da programación, acompañada das asociacións locais. D. FREIRE

A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, informou de que xa está aberto o prazo de inscrición no concurso de disfraces do Desfile de Entroido 2023. As anotacións poderán realizarse ata o vindeiro mércores, 15 de febreiro.

O Concello ofrecerá máis de 6.500 euros en premios, a través das diferentes categorías. Como xa é tradición, haberá premios tanto para adultos (a partir de 15 anos) como infantil (ata 14 anos), distribuídos para recoñecer a mellor proposta individual, por parellas e por grupos. A maiores, tamén haberá galardóns especiais para choqueiro e animación. A edil de Cultura lembra que as inscricións dos grupos deberán levarse a cabo a través da Sede Electrónica do Concello, mentres que as parellas e individuais teñen a opción telemática ou ben presentando a documentación no Rexistro, de 8.30 a 14.30 horas. Tamén será posible anotarse in situ o domingo 19 na Praza da Granxa de Campelo, desde onde partirá o desfile ata A Seca, entre as 15.30 e as 16.00 horas.

O Espíritu do Entroido xa se vive desde estas datas en Poio, grazas á apertura da exposición de imaxes correspondentes a outras edicións do Entroido. Unha mostra que consta de varios paneis, repartidos entre diferentes locais municipais, como a propia Casa Consistorial, o Local Social de Campelo, o Centro Cultural Xaime Illa ou a Casa Rosada.

Ademais, nas redes sociais do Concello tamén se vivirá intensamente esta festa, a través de publicacións de imaxes e vídeos doutras edicións.

Tal e como explica Raquel Rodríguez, parte deste material corresponde ás iniciativas telemáticas e alternativas que se levaron a cabo tanto en 2021 como en 2022, anos nos que o Entroido non puido desenvolverse con normalidade por mor da pandemia da COVID-19.

"Foron dúas edicións nas que fomos quen de manter vivo o espírito do Entroido, grazas tamén a colaboración e implicación do tecido asociativo", sinala a responsable de Cultura.

Obradoiros, concursos e festas infantís completan a programación, na que tamén serán protagonistas os enterros do Mexillón de Combarro (24 de febreiro), do Berberecho de Lourido (26 de febreiro), do Galo Fodorico Agusto Bastante (4 de marzo) e do Galo Bruxo de Samieira (18 de marzo).

Comentarios