A Concellería de Festexos destinará un total de 62.500 euros a axudas para a organización de festas e actividades lúdicas. Así o confirmou o titular da área, Xosé Luís Martínez, que explica que esta é a dotación que se inclúe no Orzamento municipal aprobado a principios deste 2023.
Está previsto que o prazo para poder solicitar estas axudas se abra entre finais deste mes e principios de abril, logo de que as bases fosen aprobadas pola Xunta de Goberno Local e publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Agora, deberán transcorrer 15 días hábiles antes da devandita apertura do período. Martínez Blanco recorda que as tramitacións deberán levarse a cabo de xeito telemático, a través da Sede Electrónica do Concello. Poderán ser obxecto de subvención as citas realizadas entre o pasado 11 de novembro de 2022 e o 10 de novembro de 2023.
As entidades beneficiarias deberán carecer de fins de lucro e estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, mantendo os seus datos debidamente actualizados.
Martínez Blanco lembra que o reparto destas axudas será en réxime de concorrencia competitiva. Esta foi unha das cuestións abordadas na reunión que Martínez Blanco tivo con representantes de comisións de festas en febreiro. Deste xeito, ó valorar as propostas teranse en conta criterios como a programación do evento, o fomento do equilibrio de xénero, da igualdade e do patrimonio inmaterial, así como o orzamento.
A través desta liña poderase cubrir como máximo o 50% dos custes da organización da actividade. O concelleiro do BNG defende a importancia desta liña de subvencións, pois "Poio conta cun tecido asociativo dos máis activos e implicados da provincia no que se refire á organización de citas e eventos lúdicos".