Poio acollerá un novo festival solidario o domingo 7 de maio

► Moura Teatro e Os Queimatasas organizan a cita musical na que a entrada se 'pagará' con alimentos para as familias sen recursos
A presentación do evento solidario, no Concello de Poio. DP
photo_camera A presentación do evento solidario, no Concello de Poio. DP

O tecido asociativo do municipio de Poio volve ser exemplo de solidariedade e implicación en favor das persoas máis desfavorecidas, grazas a unha nova iniciativa altruísta impulsada por Moura Teatro e a Batucada Os Queimatasas, en colaboración coa Comunidade de Montes de San Xoán. O vindeiro domingo 7 de maio a sede dos comuneiros da Seca, acollerá a primeira edición da Gala Poio Colabora, un evento que reunirá a varios artistas locais co obxectivo de recadar alimentos para as familias con menos recursos.

Seguindo o modelo doutros citas similares realizadas nos últimos anos, o único requisito para poder asistir a este gran espectáculo, que dará comezo ás 18.00 horas, será realizar unha achega de produtos non perecedoiros. Toda a recadación será entregada ao departamento de Servizos Sociais, cuxo persoal procederá a realizar o seu reparto entre as familias en risco de exclusión. Como non podía ser doutro xeito, a concelleira responsable desta área, Rosa Fernández, expresou en nome da Administración local "a nosa máis sincera admiración e agradecemento por esta iniciativa altruísta. Para nós é un orgullo comprobar como desde os propios colectivos locais xorden propostas e actividades pensadas para favorecer a quen máis o precisa", engadiu.

A gala contará cunha nutrida participación de artistas, compositores e músicos moi coñecidos, como Marietta, o cantante de Combarro Miguel Martínez, o poiense Yago Martínez, Lidia Alvariñas ou o director da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño. Está confirmada a presenza, asemade, doutros artistas como Mar García, Marcos Sabor, Rudi Dudi, Jacob Fuentes e Maruchy e Purita. Outros colectivos que tamén se implican activamente no "Poio Colabora" son o Poio Pescamar FS, a Asociación Empresarial EnPoio, Pandeireteir@s do Ronsel e Os Chispas do Lérez.

Comentarios