Poio adapta as ludotecas de verán ás medidas anti Covid-19

As actividades de Campaverán e Raxóverán abren este mércores o prazo de inscrición, e Espazo Concilia o xoves
Un campamento en Raxó, nunha pasada edición. DP
photo_camera Un campamento en Raxó, nunha pasada edición. DP

O Concello de Poio porá en marcha, un verán máis, os programas Campaverán, Raxóverán e o Espazo Concilia, destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os tres e os doce anos. Os dous primeiros están organizados pola Concellería de Educación, mentres que o último é xestionado polo departamento de Igualdade. As bases destas iniciativas foron aprobadas na Xunta de Goberno Local deste martes, e o prazo de inscrición para Campaverán e Raxó verán abre este mércores, mentres que para Espazo Concilia comeza o xoves.

Deste xeito, o Goberno local mantén a súa aposta á hora de facilitar ás nais e pais de Poio fórmulas para poder conciliar a súa vida laboral e familiar durante os

MESES DE VERÁN. As concelleiras responsables destas áreas, a nacionalista Raquel Rodríguez e a edil de Avante, Silvia Díaz, entenden que ofrecer este servizo á veciñanza "faise agora máis necesario ca nunca, toda vez que a problemática para a conciliación viuse acentuada pola crise sanitaria da Covid-19"

As ludotecas, que se ofrecerán exclusivamente a familias de Poio, cumprirán de xeito estricto con todas as medidas hixiénicas, de distanciamento e sanitarias que marcan as autoridades competentes, limitándose o número de prazas e apostando por espazos que axuden a garantir estes requisitos. As persoas interesadas en solicitar praza poderán realizar as tramitacións presencial ou telematicamente no Rexistro Xeral do Concello de Poio.

CAMPAVERÁN Y RAXÓVERÁN. A actividade terá lugar entre o 1 de xullo e o 31 de agosto e dividirase en dúas quendas mensuais (do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto e do 16 ao 31 de agosto). Ambos serán de luns a venres (excepto festivos), sendo o Campaverán en de 7.30 a 15.00 horas e o Raxóverán de 9.00 a 14.00 horas.

Campaverán ofertará 100 en cada quenda de xullo e 60 en cada quenda de agosto. As actividades terán lugar nos CEIP Chancelas e o Isidora Riestra, onde se dividirán grupos por separado.

Raxoverán oferta 30 prazas en cada unha das quendas de xullo e agosto, e terá lugar no CEIP Espedregada de Raxó.

O prezo de inscrición será de 30 euros por quenda para Campaverán e de 25 para Raxóverán. Realizaranse descontos en función do número de cativas e cativos por familia.

ESPAZO CONCILIA. O programa organizado pola Concellería de Igualdade ofertará 30 prazas e desenvolverase entre o 6 de xullo e o 9 de setembro, de luns a venres, entre as 8.30 e as 14.30 horas. Este ano, as actividades trasládanse ao CEIP Viñas.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase este xoves 11 de xuño e pecharase o día 18. Con respecto ás tarifas, será de 25 euros ao mes para xullo e agosto e de 10 para setembro.

Comentarios