martes. 29.09.2020 |
El tiempo
martes. 29.09.2020
El tiempo

Poio adxudica por 124.000 euros as obras de mellora do ximnasio da Seca

Pabellón de A Seca.GOOGLE MAPS
Pabellón de A Seca.GOOGLE MAPS
Será unha intevención de eficiencia enerxética destinada a aliviar o gasto do inmoble

O Concello de Poio anunciou xoves que por fin completou o proceso de adxudicación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética do ximnasio da Seca, na parroquia de San Xoán, á empresa Calicanto Obras y Proyectos S. L. logo de que esta obtivese a maior puntuación no concurso de licitación.

A actuación contará cun orzamento que ascende a 124.183,06 euros, IVE incluido. Parte da mesma sufragarase cos fondos de case 500.000 euros de investimentos europeos que a Administración municipal acadou do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).

Esta partida tamén se empregará para executar a rehabilitación da cuberta do pavillón polideportivo (cuxa adxudicación só está pendente dun último trámite burocrático) e da cuberta da Casa Consistorial. Neste caso, o proceso atópase actualmente en período de presentación de ofertas, que se pechará en poucos días.

Con respecto ao ximnasio, o proxecto contempla levar a cabo unha mellora do illamento exterior, para o cal se utilizará un revestimento especial, que se estenderá por toda a fachada. Ademais, a empresa tamén acometerá a substitución das fiestras actuais por outras de mellor calidade e con capacidade para evitar a perda térmica.

Con estas tarefas, apunta o Departamento de Promoción Económica de Poio, do que depende a xestión dos fondos, búscase mellorar a eficiencia enerxética das instalacións. Tal e como sinala o concelleiro Gregorio Agís, nos últimos anos os custes de consumo de electricidade ascenderon a máis de 7.800 euros, unha cantidade que se reducirá de xeito drástico unha vez esta obra sexa unha realidade.

A intención do Concello é que estas obras sexan unha realidade en 2021. Ademais, no caso do pavillón polideportivo, cómpre lembrar que a Concellería de Deportes iniciou contactos con municipios da bisbarra para solicitar que os clubs que adestran e compiten habitualmente nas instalacións da Seca poidan ter un lugar alternativo no que desenvolver a súa actividade.

Poio adxudica por 124.000 euros as obras de mellora do ximnasio da...
Comentarios