Poio adxudica a redacción do proxecto para a renovación de 2.700 luminarias

A actuación conta cun orzamento de case un millón de euros, financiado nun 80% a través de fondos do IDAE. A empresa Flinq Ingeniería encargarase da redacción por 14.500 euros
A substitución do alumeado acometerase nas cinco parroquias. DP
photo_camera A substitución do alumeado acometerase nas cinco parroquias. DP

O Concello de Poio avanza no proxecto de renovación de arredor de 2.700 luminarias nas cinco parroquias do municipio, por un importe que se achega ao millón de euros. Neste sentido, vén de adxudicar a redacción do documento á empresa Flinq Ingeniería por un importe de 14.500 euros, tras un concurso ao que se presentaron dez ofertas. Para a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, departamento que xestiona a actuación, esta "resulta moi necesaria, tanto pola importancia de mellorar o servizo de alumeado como polo feito de acadar unha mellor eficiencia enerxética", asegurou Gregorio Agís.

O edil lembrou que as luminarias actuais pasarán a ser led, o que garante unha redución nos custes "moi importante, algo que cobra especial relevancia nestes tempos, nos que o prezo da luz está a experimentar grandes oscilacións en prazos temporais moi curtos". De feito, as estimacións que se inclúen nos informes técnicos cifran en preto de 67.000 euros o aforro anual que se acadaría no que ao consumo do alumeado público se refire.

Se ben a actuación para renovar o alumeado público conta cun custe elevado, o Concello de Poio contará cunha achega do 80%, grazas ás xestións realizadas polo departamento que dirixe Agís, acadando unha axuda de preto de 800.000 euros de fondos europeos tramitados ante o IDAE. O orzamento total ascenderá a uns 980.000 euros aproximadamente, IVE engadido.

SEGUINTE FASE. Unha vez adxudicada a redacción do proxecto á empresa responsable, e tras a entrega do documento, comezará o proceso para adxudicar a realización dos traballos, que deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2023, tal e como explicaron dende Urbanismo e Promoción Económica.

A día de hoxe, o alumeado público do municipio poiense conta cun total de 6.353 puntos de luz, moitos dos cales xa se foron substituíndo por led nos últimos anos, coa meta de acadar a total renovación do alumeado público en cada unha das parroquias. "Este proxecto axudaranos a avanzar no obxectivo de acometer esta renovación ao 100% da rede", sinala o concelleiro, que fai tamén fincapé na importancia de cubrir os obxectivos que figuran na Axenda 2030 no que se refire a eficiencia, sostibilidade e respecto polo medio ambiente.

Comentarios