Poio ampliará Banda do Río para permitir o paso de Emerxencias

Segundo se inclúe no informe técnico, os traballos están valorados en algo máis de 8.000 euros ​
Visita ao entorno. DP
photo_camera Visita ao entorno. DP

O Concello de Poio proxecta levar a cabo unha ampliación no Camiño Banda do Río, en Campelo, co obxectivo de que exista un espazo suficiente que garanta o paso dos vehículos de emerxencias e doutros servizos de importancia, ao mesmo tempo que se mellora a seguridade viaria e peonil.

Este será un dos puntos a abordar na Comisión de Urbanismo que se celebra este mércores, 18 de maio. Tal e como consta no informe elaborado polo enxeñeiro municipal, o tramo do camiño no que se pretende actuar atópase entre unha marxe de vivendas a un lado e un muro de peche por outro.

A Administración local agradeceu a boa predisposición das persoas propietarias desta parcela á hora de ceder parte do terreo para poder facer realidade esta mellora, que o Concello entende que é moi necesaria, dado o elevado número de veciños e veciñas que residen nesta zona da parroquia de San Xoán.

Segundo se inclúe no informe técnico, os traballos están valorados en algo máis de 8.000 euros e consistirán no desmonte do muro actual, para a continuación habilitar unha construción de zapata corrida de formigón e pedra. Tamén se procederá a reconstruír o peche, coa nova aliñación que se establece na cesión. O Concello de Poio confía en poder levar a cabo esta actuación, que suporá un antes e un despois a nivel de accesibilidade e seguridade na zona, "canto antes".

Comentarios