Poio solicitará unha axuda do GALP para analizar o valor patrimonial da Illa de Tambo

Promoción Económica tramita a solicitude para financiar o estudo, indispensable para o cambio de titularidade
Anoitecer na illa de Tambo. RAFA FARIÑA
photo_camera Anoitecer na illa de Tambo. RAFA FARIÑA

O Concello de Poio solicitará unha achega ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da ría de Pontevedra para levar a cabo un estudo para analizar o patrimonio cultural da Illa de Tambo. A xestión desta axuda está sendo levada a cabo desde o departamento de Promoción Económica, dirixido polo socialista Gregorio Agís, que tamén é o presidente da Comisión de Seguimento de Tambo, un órgano municipal no que, ademais dos catro grupos da Corporación, están representados outras institucións como a Deputación de Pontevedra e boa parte do tecido asociativo de Combarro.

Tal e como figura na documentación que se remitirá proximamente ao GALP, esta actuación desenvolveríase entre o presente ano e o 2022 e inclúe, ademais dunha recomplicación e xeorreferenciación de todo o patrimonio cultural existente na illa, a realización dunha prospección arqueolóxica. Unha vez efectuado o estudo, os resultados serían dados a coñecer en diferentes sesións informativas, para que toda a cidadanía teña acceso aos mesmos. Este estudo está valorado inicialmente en algo máis de 20.500 euros, IVE engadido. Non obstante, Gregorio Agís apunta que "sairá a concurso, polo que probablemente a contía acabe reducíndose". Ademais, o concelleiro do PSOE lembra que a realización de este proxecto é un "paso imprescindible para continuar avanzando no proceso para acadar o cambio de titularidade de Tambo", que a día de hoxe continúa sendo do Ministerio de Defensa. Cómpre lembrar que, desde hai meses, o Concello e o Estado reactivaron as conversas para lograr que apertura deste enclave, situado en pleno corazón da ría de Pontevedra, sexa unha realidade.

O estudo servirá para analizar o estado dalgúns dos grandes atractivos cos que conta a illa, como as ruínas da capela de San Miguel, que data do século XVII, ou o lazareto construído na segunda metade do século XIX. Ademais, o proxecto tamén quere aclarar a orixe duns posibles restos castrenses localizados no seu día na illa, sobre os que existe a crenza de que poderían datar da Idade de Ferro. Todo isto sen esquecer outras edificacións máis recentes, como o emblemático Faro de Tenlo, levantado en 1955, ou o antigo polvorín.

A realización deste estudo é o seguinte paso a cumprir no proceso para culminar o cambio de titularidade de Tambo. Cómpre lembrar que no Pleno ordinario no pasado mes de xaneiro a Corporación aprobou por unanimidade unha proposta para adopción de compromiso, por parte da Administración local, de asumir dita titularidade, o que servirá para dar resposta a unha "demanda histórica" e para ofrecer a toda a cidadanía a posibilidade de coñecer este enclave. Agís lembrou que, tanto a Concellería de Promoción Económica como o departamento de Turismo, dirixido pola edil de Avante Poio, Silvia Díaz, teñen pendente a organización dunhas xornadas temáticas sobre Tambo, que se ían desenvolver o pasado outono, pero que quedaron adiadas por mor da pandemia, un evento no que tamén está implicado o colectivo Irmandade Illa de Tambo.

Comentarios