lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

Poio aplicará a bonificación do lixo no último recibo de 2020

Colectores de lixo en Combarro. JAVIER CERVERA / ARQUIVO
Colectores de lixo en Combarro. JAVIER CERVERA / ARQUIVO
O Concello xa deu traslado á adxudicataria da listaxe de establecementos que cesaron a súa actividade a causa do confinamento

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, anunciou onte que será no recibo correspondente ao último bimestre do ano 2020 no que se aplique a bonificación do 100% na taxa do lixo a aqueles establecementos que constataron o seu cese de actividade por mor do confinamento decretado en marzo. O edil do BNG explicou que xa se lle deu traslado á empresa adxudicataria do listado das entidades, negocios e autónomos que cumpren cos requisitos correspondentes, e que foi aprobado definitivamente o pasado mes de novembro.

Veranse beneficiados por esta medida preto de medio cento de negocios locais, toda vez que se aprobaron a inmensa maioría das solicitudes presentadas. Deste xeito, no recibo correspondente aos meses de novembro e decembro de 2020 aplicarase a redución equivalente ao tempo no que o negocio en cuestión estivo parado, ate completar o importe total equivalente ao periodo de cese de actividade, aplicándose nos bimestres sucesivos en caso de que fose necesario.

A modificación da ordenanza que permite efectuar estas bonificacións foi aprobada polo Pleno da Corporación a finais do pasado verán. A partir de aí, abriuse un prazo de 30 días hábiles para que os e as interesadas presentasen a documentación necesaria, coa que debían constatar o peche do seu negocio, como podían ser unha copia do informe laboral que acreditase dito cese, a documentación que corroborase a aplicación de posibles Ertes e a copia do último recibo do lixo. De cara á axilización do proceso, habilitouse na páxina web un apartado no que poder descargarse a solicitude.

Tras a finalización deses 30 días de prazo, publicouse un primeiro listado e, posteriormente, abriuse un novo período para que os negocios descartados inicialmente puidesen presentar as alegacións que considerasen oportuno. "Agora vaise pro ratear o recibo a efectos oportunos. Non foi posible acurtar máis os prazos, porque era preciso completar todo o proceso burocrático correspondente, de aí que agora se realice este desconto", asegurou Xulio Barreiro.

PECHE DE NOVEMBRO. Segundo indicaron dende o Goberno local, as tramitacións tamén se manteñen abertas para aplicar esta mesma medida no recibo dos establecementos de hostalería que tiveron que pechar as súas portas en novembro, a causa das medidas restritivas aplicada entón pola Xunta para tratar de frear a pandemia. Neste segundo caso, os pasos e requisitos a completar serán os mesmos.

Segundo aclarou, Barreiro, confía en que a devolución proporcional dos recibos se faga realidade "nos vindeiros meses".

TERRAZAS. En canto á taxa de terrazas, non hai cambios. O Concello de Poio xa anunciara no seu momento que "seguirá sen cobrar" estas taxas no caso das que están situadas en terreos de titularidade municipal, entre outras medidas impulsadas nos últimos meses para "tratar de paliar, na medida do posible, o impacto da pandemia no sector económico do municipio".

Poio aplicará a bonificación do lixo no último recibo de 2020
Comentarios