Poio aproba as bases de 18 prazas de emprego público para final de ano

Policía Local, técnico de xestión, educador familiar, monitor deportivo ou oficial de albanel son algúns dos empregos ofertados
Axentes da Policía Local Poiense. JAVIER CERVERA
photo_camera Axentes da Policía Local poiense. JAVIER CERVERA

O Concello de Poio aprobou onte as bases para 18 prazas de emprego público para policía local, técnico de xestión, educador familiar, ou oficial de albanel, entre outros. A Xunta de Goberno deu o visto bo ao documento das prazas correspondentes aos exercicios 2017, 2018 e 2019 que aínda están pendentes de desenvolver, a maioría das cales realizaranse por oposición libre. Esta convocatoria afectará a diferentes departamentos municipais. Segundo o concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, estas bases foron consensuadas a pasada semana nunha reunión cos representantes da Mesa de Negociación.

As 15 prazas por oposición libre repártense do seguinte xeito: unha de técnica ou técnico de xestión, unha de educadora ou educador familiar, unha para monitor ou monitora deportiva, catro para oficial de albanel, catro para os operativos de Servizos, unha de oficinal mecánico, unha de oficial de Xardinería e dúas de persoal de limpeza. Ademais, Martínez lembrou que a estas hai que sumarlle dúas da Policía Local (unha por mobilidade outra por oposición libre), así como unha praza de oficial por promoción interna. «Os procesos selectivos para dar cobertura a estas tres vacantes na Policía Local leváronse a cabo en 2017 e 2018», sinalou o responsable do departamento de Persoal, que calcula que, se non se produce ningún contratempo, os exames poderían ter lugar a finais deste mesmo ano.

Unha vez aprobado o documento pola Xunta de Goberno Local, as bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo), así como no Diario Oficial de Galicia. (DOG).

Á marxe destas oposicións, o Concello leva meses traballando na contratación temporal de 30 persoas que se atopen en situación actual de desemprego. Destes postos, 24 financiaranse a través do Plan Concellos da Deputación.

Comentarios