Poio aproba investir 73.500 euros do fondo de festas en Obras e Servizos Sociais

A medida foi criticada polo Partido Popular, que considerou que a cantidade destinada ás axudas "non chega para as familias"
 
2020082614071866531
photo_camera Luciano Sobral e Chelo Besada durante o pleno telemático. CONCELLO

Nun Pleno extraordinario de máis de catro horas en total, celebrado o martes de xeito telemático case exclusivamente, a Corporación municipal de Poio puido dar saída a diferentes expedientes coma a modificación de crédito, aprobada na última Comisión de Facenda, mediante a cal se destinarán 73.500 euros do fondo de festas que non se puideron realizar, coma a Festa do Mar e a da Ameixa, a Obras e Servizos Sociais.

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explicou que só 60.000 euros correspondían ao fondo das anteriores festas grandes, e arredor de 13.000 a celebracións das parroquias. Así, estes cartos redistribuiranse en novas partidas, con 35.000 euros aproximadamente destinados aos custes derivados de obras en Combarro, 22.000 a melloras en diferentes vías e camiños, con asfaltados e lombos, e 8.000 euros para custear a compra dun furgón para a Policía Local de Poio. Os arredor de 6.600 euros restantes estarán destinados ao fondo de emerxencia social, unha medida que o Partido Popular criticou, asegurando que "isto non chega para todas as familias". Así, o popular Sergio Pereira denunciou que "Barreiro dixo en Comisión de Facenda que estes cartos chegan de sobra pero as familias están petando na porta da Casa Rosada", e comparou a cantidade destinada "a lombos" polo que, asegurou, "non podemos estar a favor desta medida. Gustaríanos que estes 73.000 euros foran destinados íntegros a emerxencias sociais".

A pesar da xustificación da tenente de alcalde Silvia Díaz, que aclarou que a partida inicial para emerxencia social, de 32.000 euros, foi incrementada progresivamente, o voceiro popular, Ángel Moldes, asegurou que podería "pasar un listado de persoas usuarias de servizos sociais ás que se lles denegaron axudas, dicíndolles que non había capacidade económica".

As declaracións de Moldes provocaron un debate no que tivo que intervir a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández, para tachar de "mentira" ditas afirmacións, xa que "a partida nunca se acabou". O alcalde, Luciano Sobral, tamén se viu obrigado a sentenciar a discusión, facendo valer a labor das traballadoras de Servizos Sociais, "estamos poñendo en cuestión o seu traballo", dixo.

Finalmente, a modificación foi aprobada por nove votos a favor por parte do tripartito e a abstención dos oito concelleiros do Partido Popular.

A Corporación acorda solicitar, coa abstención do PP, que a Xunta actúe "canto antes" para garantir un retorno seguro ás clases

VOLTA ÁS CLASES. A pesar da abstención do PP, o Pleno tamén aprobou o martes, cos votos favorables de BNG, PSOE e Avante Poio, solicitar á Xunta de Galicia e, máis concretamente, á Consellería de Educación, que achegue o material, os fondos e os medios necesarios para "garantir a seguridade" de cara ao inicio do curso escolar. Tamén se pediu o consenso dun protocolo coa comunidade escolar. O acordo, aprobado a través de mocións presentadas por BNG e PSOE, inclúe o envío dun escrito á Consellería de Educación para solicitarlle unha reunión coa súa titular, Carmen Pomar, e darlle traslado da preocupación que existe no Concello e na comunidade escolar. No debate notouse a ausencia de participación por parte do grupo popular, algo que lamentaron o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, como voceiro socialista, e a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez.

Ao término do Pleno, os populares, pola súa banda, lamentaron que BNG e PSOE votaran en contra do arranxo do Camiño do Outeiro, en Fontenla.

Pereira retira a solicitude
Na orde do día inicial figuraba un punto no que se ía abordar a solicitude de aboamento de indemnizacións por asistencia a órganos colexiados en 2019, feita polo edil do PP, Sergio Pereira, quen reclamaba as contías correspondentes aos meses de 2019 nos que xa era concelleiro a pesar de que, como lembrou o responsable de Facenda, Xulio Barreiro, ata que non se modificaron as bases do Orzamento en febreiro de 2020, a Corporación cobraba pola asistencia aos 12 primeiros Plenos e 52 comisións anuais, dándose o caso de que, en ano de eleccións, os concelleiros e concelleiras que debutaban, como Pereira, non cobraron ao completarse o cupo. Finalmente, a solicitude foi retirada.

Comentarios