lunes. 06.12.2021 |
El tiempo
lunes. 06.12.2021
El tiempo

Poio asina un convenio con Caixabank como represalia polo peche de Abanca

Membros do Goberno local ante a oficina de Campelo, xa pechada. ADP
Membros do Goberno local ante a oficina de Campelo, xa pechada. ADP
Contempla a tramitación de pagos e recibos non domiciliados nesta entidade, xa que anteriormente xestionábanse a través da entidade que preside Escotet ►Sobral asegurou que continúa a traballar para "paliar as graves consecuencias"

Á retirada dos fondos municipais da entidade Abanca por parte do Concello de Poio como represalia polo peche da sucursal de Campelo no municipio, súmaselle agora unha nova ofensiva. Esta vez, o Concello vén de asinar un convenio con Caixabank, a través do cal esta firma pasará a asumir xestións que ata o de agora se levaban a cabo con Abanca. O alcalde, Luciano Sobral, foi o encargado de asinar o acordo, que afecta a cuestións como, por exemplo, a tramitación de pagos correspondentes a recibos que se emiten a través do Oral e que non están domiciliados.

Tal e como explicou o rexedor, este feito "non afecta ás xestións habituais que realiza a veciñanza, o único que cambia é a entidade bancaria". A partires de agora, as persoas que non teñan domiciliados os recibos poderán efectuar estas xestións nas oficinas das que dispón Caixabank na Avenida da Barca, na parroquia de San Salvador.

O peche da sucursal de Campelo foi considerado polo Goberno local como "un grave prexuízo para miles de veciños e veciñas de San Xoán" e, a raíz disto, todos os grupos da Corporación acordaron no Pleno de agosto, de xeito unánime, impulsar varias actuacións, entre as que se incluían, ademais de mobilizacións e campañas informativas xa realizadas, buscar outras entidades bancarias para a realización de xestións como o pago de recibos.

O alcalde asegurou que "seguimos traballando para intentar paliar, dentro das nosas posibilidades, as graves consecuencias que provocou o peche da sucursal de Campelo". Situada na rúa Pedro Soto, esta oficina era moi utilizada por veciños e veciñas de toda a parroquia de San Xoán. A día de hoxe, só se poden facer xestións no caixeiro automático, polo que o líder do Goberno local lamenta que a entidade non atendera as demandas do municipio e levara a cabo o peche, "consecuencia da privatización das caixas galegas".

Fondos municipais. Unha retirada que xa é efectiva
O alcalde, Luciano Sobral, confirmou que o Concello xa fixo tamén efectiva a retirada de fondos que tiña depositados en Abanca, cuxa contía total ascendía aos tres millóns de euros.

O Concello iniciou os trámites logo de que os responsables de Abanca transmitisen, en reunións mantidas cos portavoces dos grupos da Corporación, a súa negativa a frear o peche da oficina de Campelo. A entidade financieira comprometeuse a habilitar un caixeiro automático en Raxó, unha actuación moi demandada pola veciñanza desde hai anos, pero que, segundo o alcalde, "en ningún caso compensa o prexuízo xerado en Campelo".

"Desde 2013 ata o de agora deixamos de contar con oficinas en lugares tan importantes como o núcleo de Raxó, Sartal e, agora, Campelo. Este trato non é de recibo, máxime cando falamos dun concello de máis de 17.000 habitantes e cunha gran relevancia a nivel turístico", engadiu o rexedor.

Poio asina un convenio con Caixabank como represalia polo peche de...
Comentarios
ç