Poio axilizará a tramitación de expedientes urbanísticos con novas medidas

A Xunta de Goberno Local deu luz verde a impulsar a tramitación de actuacións compatibles coas medidas de seguridade e saúde
O concelleiro Gregorio Agís. DP
photo_camera O concelleiro Gregorio Agís. DP

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar unha proposta de ampliación de medidas no ámbito urbanístico, a aplicar durante a fase 2 do Plan Transitorio ata a Nova Normalidade. O obxectivo da mesma é dar cabida a novos criterios de actuación aplicables á tramitación de expedientes no departamento de Urbanismo, dirixido polo socialista Gregorio Agís, e Aperturas, que se unan aos impulsados a principios de maio.

Dentro deste último grupo xa se incluíran, por exemplo, os permisos para a realización de certos traballos de instalacións urxentes ou reparación de averías, así como construcións de nova planta.

O Goberno local entende que urxe seguir a impulsar a tramitación de todos aqueles expedientes que sexan compatibles coas medidas de seguridade e saúde xa implementadas durante fase 1. Agora, búscase fomentar a recuperación dos intereses sociais e económicos de carácter xeral, a través do alzamento da suspensión para o inicio, tramitación, resolución e notificación das peticións de licenzas e comunicacións para actividades con obras de intervención en edificios existentes. As solicitudes solo admitirán tramitación telemática durante a fase 2 e deberán ir acompañadas dunha declaración de conformidade expresa dos interesados, ata o vindeiro 1 de xuño. Tamén se alza a suspensión para o inicio, tramitación, resolución e comunicación de certificacións e informes urbanísticos de todo tipo, dándoselle preferencia á tramitación telemática. En caso contrario, deberá indicarse aos particulares que soliciten cita previa. O Concello advirte de que os criterios propostos poderán ser obxecto de modificación en función das decisións que sexan adoptadas polas autoridades estatais e autonómicas competentes en cada caso que obriguen ou aconsellen unha ampliación das obras e actividades permitidas ou, en función das circunstancias, a súa limitación tanto no seu contido como nos actos e trámites a realizar.

MÁIS ACTUACIÓNS. A anterior Xunta de Goberno Local de Poio aprobou na súa última reunión, realizada tamén de xeito telemático o pasado día 5 de maio, unha proposta para realizar un alzamento parcial da suspensión aplicada ás tramitacións de expedientes urbanísticos, unha medida que entrou en vigor co decreto aprobado a raíz do estado de alarma no mes de marzo.

Esta alzamento parcial permite dar unha maior flexibilidade á hora de levar a cabo emisión de licenzas vencelladas a obras e actuacións nas que non existe risco de que se incumpran as medidas de distanciamento e seguridade que determinan as autoridades sanitarias.

Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, sinalou que dentro deste grupo entran, por exemplo certos traballos de instalacións urxentes ou reparación de averías, así como construcións de nova pranta. Ao xuízo do concelleiro responsable deste departamento, esta medida "dota aos interesados de certa flexibilidade" e ten importancia xa que "supón un pulo que sirve para reactivar a actividade no sector".

Toda a actividade administrativa tivo que ser paralizada a través do decreto polo cal que aprobou o estado de alarma o pasado 14 de marzo, o que motivou que moitas das tramitacións quedaran pendentes de levarse a cabo. Neste sentido, este tipo de medidas pretenden axilizar as xestións. No sucesivo, as medidas continuarán avanzando segundo se vaia completando o proceso de desescalada ata chegar á nova normalidade.

Comentarios