Poio bótase á rúa para esixir o fortalecemento da Atención Primaria

Preto de medio millar de persoas deuse cita no centro de saúde de Anafáns convocadas pola Mesa dos Dereitos da Sanidade en Poio
Un momento da concentración ante o centro de saúde de Anafáns. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un momento da concentración ante o centro de saúde de Anafáns. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Arredor de 500 persoas participaron este domingo nunha concentración convocada pola Mesa pola Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio para esixir á Xunta de Galicia investimentos e a dotación de persoal para "salvar a Atención Primaria". O alcalde de Poio, Luciano Sobral; a concelleira de Sanidade, Marga Caldas (BNG) e integrantes do Goberno municipal e da Corporación sumáronse a esta mobilización, que tivo lugar ante o centro de saúde de Anafáns.

Ademais de amosar unha pancarta reivindicativa ás portas do ambulatorio, tamén se procedeu á lectura dun manifesto, ao que deron voz representantes da Plataforma SOS Sanidade, do persoal médico e do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita. Este documento advertiu que "a Consellería de Sanidade non ten vontade de facer fronte a esta problemática", o que "fai imposible que se recupere a normalidade nas consultas de medicina familiar e os servizos de Pediatría e os PAC pechados por falta de persoal".

Marga Caldas, pola súa parte, recordou que Poio é un dos municipios que conta cun dos ratios de pacientes por facultativo máis elevados de Galicia, o que provoca unha situación "crítica" en todos os centros sanitarios da vila.

Dende a Mesa pola Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio anunciouse que se continuará convocando novas accións reivindicativas. "Non imos parar ata conseguir o obxectivo de salvar e fortalecer a nosa Atención Primaria. Ata o de entón, Poio seguirá en loita", concluíron os organizadoras da concentración baixo os aplausos das persoas asistentes.

Comentarios