Poio camiña cara ao traspaso de Tambo e comprométese a asumir a súa titularidade

O trámite da aprobación en Pleno, requerido polo Ministerio de Defensa, xa é unha realidade  Búscase abrir a illa á veciñanza
Unha excursión á illa de Tambo organizada en 2018. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha excursión á illa de Tambo organizada en 2018. RAFA FARIÑA

O Concello de Poio dá un paso máis nos trámites para o futuro traspaso da titularidade da illa de Tambo. Neste sentido, a Corporación municipal aprobou en sesión plenaria a proposta para a adopción deste compromiso, que responde a unha demanda histórica da veciñanza.

Todos os grupos municipais respaldaron este paso, que, tal e como lembrou o concelleiro de Urbanismo e presidente da Comisión de Seguimento de Tambo, Gregorio Agís, é un dos trámites requiridos por parte do Ministerio de Defensa, institución á que a día de hoxe aínda pertence o enclave, para continuar co proceso burocrático e administrativo necesario para lograr a apertura da illa. "Este acordo plenario permite continuar avanzando nos estudos e actuacións para acadar o cambio de titularidade. Confiamos en que, se todo vai ben, sexa unha realidade moi pronto", engadiu.

O Concello e o Ministerio de Defensa retomaron as negociacións para a transferencia en novembro do pasado ano

Na mesma liña que Agís, tamén se expresou durante o Pleno a voceira de Avante Poio e titular de Participación Veciñal, Silvia Díaz, que incidiu en que "este compromiso á hora de asumir a transferencia de Tambo é un paso moi importante, de cara a recuperar un territorio emblemático, co obxectivo de que poida ser gozado pola veciñanza". A esta satisfacción tamén se sumou a voceira do BNG, Marga Caldas, ao sinalar que «é importante que cada vez esteamos máis preto de recuperar un emprazamento tan importante desde o punto de vista histórico, medio ambiental e turístico».

Maila que o Concello de Poio leva anos buscando fórmulas para lograr a apertura da illa de Tambo á cidadanía, foi en novembro do ano pasado cando o proceso experimentou un pulo importante, ao retomarse os contactos co Ministerio de Defensa para avanzar no proceso. Desde entón, xa tiveron lugar varias reunións, nas que tamén participou a Dirección Provincial de Costas, sobre este asunto. O Concello xa transmitira entón o seu compromiso á hora de asumir diferentes tarefas requeridas para facer realidade o proxecto, como a vixía das praias ou a recuperación do espigón, onde se realizan os atraques das embarcacións, para, de cara ao futuro, poder garantir a realización de visitas.

Por outra banda, o Goberno local ten aínda pendentes outras iniciativas vencelladas a Tambo, como a celebración dunhas xornadas temáticas sobre a historia e a riqueza da illa, que se adiaron por mor da pandemia, e que inclúen unha exposición elaborada polo arquitecto Sergio Portela, a través da cal dá a coñecer propostas de posibles actuacións para poñer en valor o enclave no futuro.

Comentarios