Poio camiña cara a aprobación definitiva do Orzamento ante a indignación do PP

O Pleno extraordinario desestimou as alegacións presentadas contra a maior partida da historia
Ángel Moldes y Luciano Sobral. ADP
photo_camera Ángel Moldes y Luciano Sobral. ADP
O Orzamento municipal máis alto da historia de Poio, e que ascende por primeira vez a 13 millóns de euros, está a ser tamén o máis polémico. O Partido Popular de Poio respaldou no Pleno extraordinario deste martes as alegacións presentadas por tres asociacións veciñais do municipio contra o documento no que reclamaron unha resposta a ata 26 peticións, sobre as que o Goberno local valorou que non corresponden a "alegacións como tal", posto que "incumpren o artigo 170 da Lei de Facendas Locais", se ben mostrou a súa vontade de "telas en conta".

Neste sentido, os colectivos AVCR Combarro, Asociación veciñal A Laxe de Raxó e Asociación de Veciños San Salvador de Poio formularon varias peticións que o edil de Facenda, Xulio Barreiro, desglosou durante Pleno, explicando a situación de cada unha delas. Destas, asegurou, "cinco non responden a competencias do Concello", tal e como considerou a creación do vial do Castrove, axudas a traídas de auga particulares, o vial dende Vilagarcía polo Vao á Caeira ou a comarcalización do parque de bombeiros. Barreiro tamén detallou que, sobre outras oito cuestións o Concello "xa está a traballar ou están en execución", un paquete no que incluiu a mellora do parque da Chousa, o camiño da Lameiriña, sobre o que informou que se vén de avanzar recentemente, a creación dun punto limpo, "servizo do que o municipio xa dispón a través do Punto Limpo Móbil", obras na PO-308, ou axuda derivada da covid-19, para a que se conta "cun remanente". O edil de Facenda respondeu a outros catro puntos consistentes "en preguntas" e asegurou que outros nove "probablemente se executen este ano".

Barreiro detallou que, en canto á suposta ausencia de partida para centros de ensino, "hai dúas, unha de 30.000 e outra de 15.000 euros, e unha a maiores que corresponde a un remanente". Asegurou que o Orzamento conta tamén con dúas partidas e un remanente dun total de 836.000 euros dirixidos a estradas, e explicou que, no caso das escolas deportivas, "é imposible engadir no Orzamento os ingresos e gastos de algo que ten unha subvención".

Cos votos a favor de BNG, PSOE e Avante Poio, e os votos en contra do PP, o Pleno aprobou a desestimación das alegacións, polo que agora camiña cara a aprobación definitiva do Orzamento municipal de 2021. Durante o debate previo á votación, chegáronse a vivir momentos de grande hostilidade entre o tripartito e os populares. Neste sentido, o voceiro do PP, Ángel Moldes, acusou ao Goberno local de "apelar a informes técnicos para despachar a participación dos veciños", e ameazou: "van votar en contra das propostas dos veciños, non en contra do PP. Ían ser un tripartito de participación e transparencia e non a teñen".

Durante o debate, o concelleiro de Facenda defendeu as actuacións do Goberno local na PO-308, como é o caso da iluminación, "a pesar de ser competencia da Xunta", e aludiu ao enorme esforzo económico que suporía "un estudo coma o do Castrove, posto que podería non prosperar coa Xunta". O edil de Urbanismo, Gregorio Agís, chegou a acusar aos populares de "falar de transparencia cando vostedes crean perfís falsos nas redes sociais", mentres que o alcalde, Luciano Sobral, pechou o debate para alegar que "o Goberno local agradece que os veciños presenten propostas e ten a responsabilidade de dirixir do mellor xeito posible. Está resolvendo unhas alegacións, das que algunhas xa se están executando, e non está en contra dos veciños cando as desestima, como tampouco o está o PP cando vota en contra do Orzamento. Serán as urnas as que decidan", sentenciou.

Comentarios