Poio celebra ata finais de novembro magostos en todas as parroquias

A Festa da Castaña de San Martiño será o venres 10 de novembro
Castañas. ARCHIVO
photo_camera Castañas. ARQUIVO

O municipio de Poio celebrará ata finais de novembro doce magostos que chegarán a todas as parroquias e lugares do municipio. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, mantiveron un encontro con algúns dos colectivos que impulsan estas citas para reiterarlle o apoio do Concello coa súa organización e puxeron en valor todo o traballo posto en marcha polo tecido asociativo do municipio para manter viva unha tradición tan arraigada. En total, a administración local estima que se repartirán preto de 900 quilos de castañas asadas.

Dentro do calendario dos magostos, que se desenvolverán ata finais de novembro, inclúese a celebración da Festa da Castaña de San Martiño, organizada pola Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva. Será o venres 10 de novembro, ás 20.00 horas na Praza da Capela. Tamén ese mesmo día o Concello de Poio realizará o seu tradicional magosto na Casa Rosada, ás 17.30 horas, dirixido ás persoas maiores usuarias das actividades organizadas pola Concellería de Benestar e Igualdade.

As castañas asadas poderanse degustar xa este venres 3, que terá lugar a quenda de Lourido, no Parque Costa Xiráldez ás 18.00 horas, organizado pola asociación veciñal. Un día despois, o sábado 4, o magosto celebrarase en Raxó, no Centro Cultural Xaime Illa a partir das 19.00 horas, organizado pola Comisión de Festas, mentres que en Combarro a AC Ateneo Corredoira programou o magosto o domingo 5, ás 18.00 horas na Praza de San Roque.

Comentarios