Poio chama a doar xoguetes nunha das campañas de Nadal máis difíciles

A Concellería de Benestar Social e Mocidade abre o prazo de Un xoguete, un sorriso, e agarda axudar ás familias "agora máis que nunca"
Rosa Fernández, a la derecha. DP
photo_camera Rosa Fernández, a la derecha. DP

A Concellería de Benestar Social e Mocidade do Concello de Poio implicarase, un ano máis, na campaña solidaria Un xoguete, un sorriso, que ten como obxectivo facilitar que os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas do municipio poidan recibir tamén os seus regalos de Nadal, que cada ano son doados de xeito altruísta pola veciñanza. Na anterior edición, a campaña resultou ser un éxito, acadando agasallos suficientes para repartir entre preto de 50 familias e uns 70 cativos e cativas.

O Concello de Poio vén de facer un chamamento para que todas as persoas interesadas en colaborar nesta actividade se acheguen á Casa Rosada de luns a venres, tanto en horario de mañá como de tarde, para entregar os xoguetes que considere. O prazo, tal e como explicou a concelleira, Rosa Fernández, permanecerá aberto ata o día 27 de novembro, e os xoguetes doados só deben cumprir o requisito de atoparse en bo estado e estar limpos. Libros, peluches, bonecas ou xogos de mesa son algunhas das doazóns que se teñen entregado en anos anteriores. "Son xoguetes que, en moitas ocasións, quedan no esquecemento, porque a rapazada medra e amosa interese noutras fórmulas de lecer, e poden facer moi felices a outros rapaces cuxos pais ou achegados non poden facer fronte aos custes que supón mercar este tipo de produtos", indica. Fernández tamén expresou a súa confianza en que a veciñanza se volva implicar nesta campaña "xa que agora máis que nunca temos que axudar a que os nenos e nenas das familias de Poio con menos recursos poidan gozar do Nadal, nun ano tan complicado coma este, marcado pola pandemia". O empaquetado correrá a cargo de Silvia Ramírez, da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, e o reparto, de Protección Civil de Poio.

Comentarios