Poio chama a engalanar as rúas con ambiente de Nadal

Cultura organiza un concurso destinado a vivendas e negocios
Participantes no vídeo institucional do Concello. CEDIDA
photo_camera Participantes no vídeo institucional do Concello.

"Fomentar o espírito do Nadal e axudar tamén a dinamizar a actividade comercial e social durante estas datas tan emblemáticas" é o obxectivo que persegue a Concellería de Cultura de Poio para este Nadal, polo que vén de impulsar un novo concurso 'online'.

Decora o teu recuncho é o nome da iniciativa que anima á veciñanza e ao tecido empresarial a adornar as fachadas das súas propiedades para, acto seguido, publicar fotografías nas redes sociais.

Aquelas instantáneas que reciban un maior número de likes por parte dos seguidores e seguidoras levarán premios destinados ao consumo en negocios locais, como comercio, hostalería ou salóns de peiteado, entre outros.

Segundo explicou a edil do Goberno local e responsable de Cultura, Raquel Rodríguez, a actividade permanecerá activa entre o 9 e o 15 de decembro. Estableceranse dúas categorías diferentes do concurso, un para vivendas e outro para negocios.

Á hora de subir as fotos a Facebook e Instagram, será necesario engadir o cancelo #DecoraOTeuRecuncho. Aquelas imaxes que obteñan un maior número de likes serán premiadas con 100 euros (unha por categoría).

Valorarase especialmente o feito de utilizar elementos naturais e de refugallo á hora de realizar os deseños, redundando, neste xeito, no espírito de concienciación medioambiental que se impulsa desde programas como Poio En Verde.

A Concellería de Cultura animou á veciñanza a tomar parte nesta iniciativa, cuxas bases poderanse consultar nos perfís oficiais do Concello de Poio, e tamén a través das redes sociais, así como na páxina web municipal.

VÍDEO INSTITUCIONAL. Na tarde do pasado xoves tivo lugar na Alameda do Mosteiro a gravación do vídeo institucional de felicitación de Nadal, que será difundido proximamente nas redes oficiais do Concello de Poio.

O alcalde, Luciano Sobral, estivo acompañado polos membros da Corporación e persoal municipal, así como representantes do tecido social e de colectivos locais e veciños e veciñas en xeral.

Trátase dunha peza audiovisual a través da cal o rexedor local desexa a todos e todas as asistentes unhas felices festas e un próspero 2022. O alcalde Sobral sinalou que "despedimos un 2021 complicado, no que, de novo, a pandemia condicionou o noso día a día".

Aínda así, quixo salientar "o comportamento exemplar da cidadanía" durante todo este periodo que, asegurou, puido plasmarse, por exemplo, "no alto índice de vacinación acadado ata a actualidade".

"Desexamos que o vindeiro ano sexa mellor e que poidamos seguir avanzando ata a nova normalidade", finalizou o alcalde. Os membros do Goberno local agradeceron a participación de todos os colectivos, veciñanza e persoal municipal que formaron parte desta gravación en comunidade.

Alumeado: o acendido en Poio terá lugar durante esta ponte
Dende o Concello de Poio confirmaron que o acendido das luces de Nadal no municipio levarase a cabo ao longo desta ponte festiva, polo que os ornamentos veciñais sumaranse ao lucerío do Concello, que ultimou a súa instalación durante os últimos días. 

O Concello de Poio investirá este ano preto de 62.000 euros en ornamentos de Nadal, o que supón case un 36% máis que no ano anterior. Isto posibilita incrementar a cifra de adornos e luces, que suman un total de 257, segundo os datos aportados polo Concello o pasado mes de novembro, en 1.300 metros cadrados do municipio.

Comentarios