Poio chama a mobilizarse este venres polo peche de Abanca en Campelo

O Goberno local incide na gravidade que supón pechar a sucursal nun núcleo que supera os 1.000 habitantes
Veciños de Campelo en protesta polo peche da sucursal de Abanca. CEDIDA
photo_camera Veciños de Campelo en protesta polo peche da sucursal de Abanca. CEDIDA

O Concello de Poio convocou unha mobilización de protesta contra o peche que Abanca quere acometer na sucursal que se atopa na rúa Pedro Soto no lugar de Campelo, e que pretende facer efectivo o próximo mércores 8 de setembro.

A proposta de realizar unha concentración foi acordada na reunión que o pasado venres 27 de agosto mantiveron os portavoces dos grupos da Corporación municipal con representantes de colectivos da parroquia de San Xoán, celebrada no Local Social de Campelo e á que non faltaron tampouco directivos das confrarías de San Gregorio e de San Telmo, así como da lonxa.

Neste sentido, o Concello avanza na súa folla de ruta para tratar de evitar un peche que suporía un "gravísimo prexuízo para miles de veciños e veciñas da parroquia de San Xoán e de todo o municipio", segundo advirte o Goberno local.

A cita para a mobilización terá lugar o venres 3 de setembro, a partir das 20:30 horas, nas proximidades da oficina bancaria, e desenvolverase cumprindo con todas as medidas de seguridade pertinentes.

A manifestación terá lugar un día despois de que o equipo de Goberno manteña unha reunión con responsables territoriais de Abanca, de modo que está fixada para o xoves 2 de setembro. Desta maneira, a mobilización quedará desconvocada unicamente no caso de que os dirixentes da entidade confirmen o mantemento de todas as oficinas existentes actualmente no municipio. Ademais, tamén se lle quere reclamar a dotación dun caixeiro automático na parroquia de Raxó.

Por outra banda, na reunión que foi convocada o pasado venres tamén se acordou, sempre e cando non se produzan novidades, iniciar os trámites para a cancelación de contas e retirada de fondos que a Administración municipal dispón en Abanca. Ademais, o Concello impulsa unha campaña informativa para animar tanto aos colectivos como á cidadanía en xeral a sumarse a esta iniciativa, ao considerar que pode resultar "unha medida moi efectiva á hora de deixar patente á entidade bancaria as consecuencias negativas, en términos económicos, que lles provocará o peche da oficina".

Á par, os representantes dos catro grupos da Corporación deron traslado aos participantes no encontro do pasado venres dos acordos acadados no último Pleno ordinario, coa aprobación dunha moción conxunta na que o Concello se compromete, a maiores das iniciativas xa mencionadas, a contactar con outras entidades para intentar manter na parroquia de Campelo unha oficina de calquer outra entidade bancaria, ademais de acudir á Fegamp.

Dende o Goberno local, manifestan que "dende o momento no que Abanca trasladou a súa intención de pechar esta sucursal, deixando unicamente operativo un caixeiro automático en Campelo, o Concello de Poio amosou a súa firme oposición a unha medida que resultará especialmente prexudicial para as persoas maiores, menos afeitas ao uso das ferramentas telemáticas, así como aos veciños e veciñas que non poidan desprazarse ata outras localidades para recibir atención presencial".

Así mesmo, dende o equipo de goberno do municipio, tamén inciden na gravidade que supón o feito de suprimir un servizo nun núcleo que supera amplamente os 1.000 habitantes e que ten unha importante actividade económica en sectores como pode ser o do mar, entre outros, grazas ao labor das confrarías e da lonxa.

Comentarios