Poio cifra en 7.000 persoas os visitantes aos eventos da pasada fin de semana

O alcalde destaca o esforzo realizado por contar unha oferta atraínte fóra da temporada estival e felicita aos promotores da feira de oportunidades Poio Mostra e do Dúathlon
PoioMostra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Público asistente a Poio Mostra. GONZALO GARCÍA

As propostas lúdicas e deportivas que se desenvolveron durante esta fin de semana en Poio conseguiron congregar a máis de 7.000 persoas. Así, entre o venres e o domingo, veciños e visitantes puideron gozar da feira multisectorial e de vehículos de ocasión Poio Mostra na Seca, do Campionato Xunta de Galicia de Duatlón de estrada e Copa de Veteranos que se desenvolveu en Campelo e Lourido, así como da exposición de dinosaurios robotizados que hai no parque de Ánkar.

"Poio foi esta fin de semana punto de encontro e de lecer para moitos dos nosos veciños pero tamén para persoas que se achegaron doutros concellos para disfrutar da programación e oferta de ocio que houbo no noso municipio. Unha oferta de actividades ampla e variada, para todos os gustos e todas as idades, que situou a Poio como referente esta fin de semana", indicou o alcalde, Ángel Moldes.

Nesta liña, asegura que todas as actividades foron un éxito de organización e de participación. "Os meus parabéns a todas as persoas que fixeron posible cada un destes eventos, conseguimos proxectar unha imaxe de Poio única, converténdoo nun concello atractivo e dinámico, ofrecendo eventos de calidade fóra da tempada estival, algo fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello".

Con respecto ao Poio Mostra, entre o venres e o domingo, veciños e visitantes puideron gozar da feira multisectorial e de vehículos de ocasión que congregou a máis de sesenta expositores e comercios de alimentación, moda, artesanía, agricultura, decoración e fogar. "Unha oportunidade para amosar toda a oferta que hai no comercio de proximidade de Poio, para que os negocios dean a coñecer os seus produtos a uns prezos interesantes e ampliar así a súa carteira de clientes", destaca. Unha feira que congregou a milleiros de persoas durante os tres días e, incluso, ampliaron o horario de peche nalgunha xornada para seguir atendendo aos visitantes que se achegaban ata o recinto.

Tamén foi un éxito ao VI Dúatlon Concello de Poio Memorial Pablo Beascoechea Portas – Copa Galicia de Dúatlon de Veteranos, que reuniu a deportistas e público o sábado pola tarde en Lourido e Campelo, "dúas contornas excepcionais cun tempo inmellorable para gozar desta proba deportiva que congregou aos mellores deportistas galegos e, incluso nacionais da modalidade".

Do mesmo xeito, o alcalde indica que Dinosauria Experience tamén foi un punto de atracción para familias durante toda a fin de semana no parque de Ánkar, "houbo un goteo continuo de menores e pais que se achegaban para ver unha das mellores exposicións de dinosaurios robotizados que hai na actualidade e, deste xeito, retrocer durante un tempo ao xurásico".

Máis eventos

As propostas lúdicas continuarán a próxima fin de semana coa celebración do I Festival da Cervexa Artesá, o venres e sábado na Reiboa, así como coa I Xuntanza de Maiores o domingo, tamén na Seca, Copa Galicia BTT XCO Samieira e cos últimos dous días da Dinosauria Experience no parque de Ánkar.

"Todos estes eventos contribúen a atraer visitantes, encher as nosas rúas e dinamizar o noso comercio, a nosa hostalería e a nosa economía. E supoñen, ademais, a oportunidade de que os nosos veciños gocen no seu propio concello de actividades e programación variada e atractiva á altura das grandes cidades", conclúe o alcalde.

Comentarios