Poio completará a área de lecer da Caeira con varios elementos biosaudables

O espazo servirá para descansar e promover o exercicio de mantemento e ubícase preto do novo vial aberto a mediados de 2022
O alcalde e as concelleiras no espazo onde se instalarán os elementos biosaudables. DP
photo_camera O alcalde e as concelleiras no espazo onde se instalarán os elementos biosaudables. DP

A parcela anexa coa vía que enlaza as rúas Río Sil e Umia, na Caeira, contará pronto cun novo espazo de esparcemento para maiores e pequenos. O emprazamento escollido polo Concello para habilitar unha zona verde é obxecto nestes momentos de obras previas á instalación de elementos biosaudables. No espazo xa se implantaron especies arbóreas autóctonas e mobiliario urbano.

Esta área aspira a converterse "nun punto de encontro para a veciñanza deste núcleo", tal e como explicou o alcalde, Luciano Sobral, no transcurso dunha visita aos traballos, acompañado da edil de Sanidade e Deportes, Marga Caldas, e da de Cultura, Raquel Rodríguez. As obras deron comezo a finais do ano pasado e, despois de preparar o terreo, procedeuse á colocación do mobiliario e a plantación das árbores. A dotación dos biosaudables tivo que pospoñerse por mor das adversas condicións meteorolóxicas das últimas semanas, pero nas últimas xornadas xa se procedeu á colocación da base para os aparellos.

Tanto Sobral como as concelleiras coinciden á hora de explicar que os novos elementos, que inclúen un valado de madeira, respectan por completo a contorna e seguen a filosofía que se consolida no municipio a través da campaña Poio en Verde, posta en marcha desde distintas concellerías, que fixa obxectivos para a dotación de zonas e espazos ao aire libre, nos que fomentar hábitos saudables. O vial que une Río Sil e Río Umia construíuse en 2021 desde a área de Urbanismo e está operativo desde o segundo semestre dese ano. Ao longo dos seus máis de 100 metros de extensión, esta rúa conta con beirarrúas de 2,5 metros de ancho. Ademais, tamén se procederon a habilitar unhas 15 prazas para o estacionamento.

Comentarios