Poio conta co seu primeiro banco LGTBI+ e debaterá polos dereiros das persoas deste colectivo

A Corporación posicionarase en favor da diversidade e liberdade afectivo-sexual e de xénero
Silvia Díaz, a edil de Igualdade, no novo elemento reivindicativo. DP
photo_camera Silvia Díaz, a edil de Igualdade, no novo elemento reivindicativo. DP

A sesión ordinaria do Pleno ordinario deste martes abordará, entre outras cuestións, unha moción impulsada polo grupo municipal de Avante Poio en favor da defensa dos dereitos das persoas LGTBI+. Asemade, estes días pendurarase a bandeira LGTBI+ na fachada principal do Consistorio, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, para manifestar "o posicionamento da Corporación municipal en favor da diversidade, da liberdade afectivo-sexual e de identidade de xénero", indica a edil de Igualdade, Silvia Díaz.

A través desta moción, tamén se busca reafirmar o compromiso do Concello de Poio en traballar en favor da erradicación definitiva "das condutas homofóbicas, bifóbicas e transfóbicas nos distintos ámbitos de convivencia, así como reprobar as desigualdades e discriminacións que a día de hoxe seguen sufrindo as persoas deste colectivo", apunta Díaz.

O documento tamén solicita ao Goberno central que impulse unha axenda estatal que avance nas recomendacións establecidas pola Comisión Europea na súa primeira

Estratexia de Igualdade LGBTIQ 2020-2025. Esta axenda "debe partir dun enfoque interseccional e transversal, que permita a inclusión das políticas LGTBI en todos os ámbitos da acción gobernamental", expón Silvia Díaz, que tamén considera que o Estado ten que aprobar a lei para a igualdade "real e efectiva" das persoas trans, que recolla as demandas históricas deste colectivo.

Como conclusión, ínstase Xunta de Galicia a que priorice a difusión dos informes do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, creado en 2018 para analizar os principais problemas do colectivo LGTBI+, denunciar situacións de discriminación e elaborar propostas sobre políticas públicas. Ademais, tamén se lle solicita á Administración autonómica que leve a cabo campañas efectivas de igualdade e respecto pola diversidade, entre a cidadanía e nos centros educativos.

Banco do Orgullo LGTBI+ no Paseo de Lourido

Por outra banda, a concelleira de Igualdade explicou que nos últimos días desde este departamento impulsouse a colocación un banco coas cores da bandeira do orgullo LGBTI+, que se empraza no paseo de Lourido, nas proximidades da praia.

A través desta iniciativa o que se busca é "contribuír a dar visibilidade nos espazos públicos ao colectivo e ao compromiso da Corporación municipal a prol dos dereitos e a non discriminación", apunta Silvia Díaz.

Comentarios