Poio conta cun novo aparcamento disuasorio na rúa do Adro, en San Salvador

É un dos catro puntos que se habilitarán proximamente cun total de 350 prazas
Casa do Concello de Poio. ADP
photo_camera Casa do Concello de Poio. ADP

O Concello de Poio conta cun novo aparcamento disuasorio gratuíto coa apertura dunha finca na rúa do Adro, en San Salvador. O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, afirma que "seguimos dando pasos importantes para cumprir un dos puntais do noso programa, a dotación de estacionamento, fundamental para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e favorecer a actividade económica no noso concello".

A apertura deste aparcamento na rúa do Adro faise días despois de anunciar tamén a posta en funcionamento do parking na antiga finca de Coca-Cola. Son prazas para estacionamento moi importantes que nas próximas semanas se incrementarán coa apertura de dúas fincas máis para aparcamento en Anafáns, na contorna do Centro de Saúde.

En total, habilitaranse nestes catro aparcamentos disuasorios en San Salvador preto de 350 prazas que facilitarán a accesibilidade e o estacionamento de vehículos en zonas con moitas vivendas, establecementos comerciais e outros servizos.

Comentarios