Poio contará cun circuito BTT e mellorará a pista polideportiva da Reiboa

O Pleno aprobou un convenio coa Comunidade de Montes de Combarro e unha modificación de crédito para realizar as actuacións
Marga Caldas durante unha reunión co tecido deportivo. DP
photo_camera Marga Caldas durante unha reunión co tecido deportivo. DP

Co obxectivo de dar un paso adiante en materia de equipamentos deportivos, o Pleno ordinario de Poio vén de aprobar un convenio de cesión de uso coa Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro, mediante o que se habilitará un circuito para bicicletas BTT, nunha parcela propiedade do colectivo, e que a edil de Deportes, Marga Caldas, definiu como "unha actuación necesaria, que dá resposta a unha demanda do tecido deportivo do municipio, xa que esta modalidade cada vez conta cun maior número de participantes en Poio".

Na mesma sesión, na que se deron conta de diferentes xestións encamiñadas á mellora de infraestruturas e instalacións deportivas, a Corporación aprobou tamén unha modificación orzamentaria que ascende a máis de 200.000 euros, e que se leva a cabo para incrementar partidas xa existentes, encamiñadas á realización de diferentes actuacións. Unha delas é a mellora da pista polideportiva da Reiboa, unha infraestrutura que, salientaron dende o Goberno local, é moi utilizada pola veciñanza.

Tal e como consta na documentación, grazas a esta modificación, o orzamento incrementarase en preto de 23.000 euros. Neste caso, as tarefas centraranse na mellora da superficie e tamén nun novo pintado, entre outras.

A todo isto hai que sumarlle tamén outras actuacións, cuxos trámites xa están en marcha para a mellora de instalacións deportivas, como é a substitución do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa. Neste caso, os traballos centraranse na dotación dun novo tapete de última xeración, homologado e que cumprirá con todas as esixencias de calidade que establece a Fifa. Contémplase, asemade, a reparación do asfalto, para garantir unha correcta escorrentía das augas, o que axudará a evitar acumulacións no céspede en época de choivas.

CRÍTICAS AO ICIO. O voceiro do Partido Popular, Ángel Moldes, criticou durante o Pleno a actualización da ordenanza do Icio, un imposto que, manifestou, "moitos Concellos xa eliminaron", e polo que o PP votou en contra pedindo á súa supresión.

Para os populares, "esta modificación do Icio e da taxa de licenzas urbanísticas mostra serias dúbidas das liquidacións cobradas ata ao día de hoxe". Tal e como valorou Ángel Moldes, "a demostración das nosas dúbidas é que o tripartito ten que aprobar no Pleno unha modificación das dúas ordenanzas, porque eles mesmos non teñen claro que o que estaban a cobrar e como o estaban a cobrando era legal", manifestou durante o debate.

Comentarios