Poio contará coa primeira praia canina da contorna: "Este espazo facíase preciso"

O enclave habilitarase no areal da Seca, para que os animais poidan permanecer soltos
undefined
photo_camera A praia da Seca é a elixida polo Goberno local pola súa amplitude para o esparexemento coa marea baixa. CONCELLO

O concello de Poio terá praia canina, e será ao longo deste mesmo mes. Así o confirmou este luns o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luis Martínez, quen adiantou que o areal elixido para que os e as propietarias de cans poidan soltar ás súas mascotas, estará na Seca.

Trátase dunha medida que se facía necesaria no municipio debido a que, tal e como explicou Martínez Blanco, "cada vez son máis as persoas que se involucran na adopción de cans, polo que se facía preciso contar cun espazo aberto no que as mascotas poidan permanecer soltas". A actuación non só responde a unha demanda veciñal, senon que converte a Poio no primeiro muncipio en contar cun areal para cans na contorna de Pontevedra. O edil nacionalista sinalou que nos vindeiros días emitirase unha resolución que confirmará a posta en funcionamento do servizo.

O responsable de Medio Ambiente, destacou, ademais, que este tamén pode ser un importante reclamo dende o punto de vista turístico, xa que "a día de hoxe este tipo de praias escasean na provincia de Pontevedra". Na actualidade, apenas existen media ducia de areais caninos. "Na contorna non hai ningún concello que ofreza este tipo de espazo. As praias para cans máis próximas están actualmente no Grove, en Redondela, en Vilagarcía ou en Vigo. Cremos que A Seca se consolidará como un referente neste eido non só para a veciñanza de Poio, senón tamén para persoas doutros concellos limítrofes como Pontevedra ou Sanxenxo", indica Xosé Luís Martínez.

Poderase comezar a utilizar ao longo deste mesmo mes, con diferentes medidas coma o uso do bozal no caso dos cans considerados como Potencialmente Perigosos

A ELECCIÓN DA SECA. A elección da praia da Seca como areal canino do municipio non é unha casualidade. Segundo explicaron dende o Goberno local, varios factores interviron para emprazar o servizo no lugar.

"É unha praia pequena, pero cunha superficie suficiente como para permitir o esparexemento dos animais, especialmente cando hai marea baixa", explica o concelleiro do Goberno local, que tamén salienta que o areal, situado nas proximidades do Parque da Memoria, ofrece outros atractivos, como son o feito de atoparse "nunha zona céntrica, entre A Seca e o casco histórico de Combarro, e contar con bos accesos e prazas para o estacionamento de vehículos".

Con respecto ás normas que deberán cumprir os e as usuarias, Xosé Luís Martínez lembra que os cans deberán estar controlados en todo momento polos seus donos e donas. "Que poidan estar soltos non implica que non deba existir un compromiso por parte dos propietarios á hora de impedir que os animais poidan molestar a outros bañistas", advirte o concelleiro de Medio Ambiente, que tamén explica que as persoas que baixen aos cans á praia deberán portar a documentación pertinente do animal.

As mascotas non poderán adentrarse en máis de 100 metros na costa, aínda que estea a marea baixa, para non interferir nos bancos marisqueiros existentes nas proximidades. Asemade, os cans considerados Potencialmente Perigosos deberán ter o bozal posto en todo momento. Como é habitual, será obrigatorio recoller os excrementos e deposicións dos animais ou, do contrario, os usuarios e usuarias "expoñeranse a unha multa".

Nos vindeiros días instalarase un panel informativo na praia con todos os requisitos necesarios para o seu uso, de cara á súa próxima apertura.

Comentarios