Poio contará desde o vindeiro mes de outubro cunha escola de música

"O noso obxectivo é conseguir que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade ou clase social"
A directiva da Escola de Música, coa concelleira Raquel Rodríguez. DP
photo_camera A directiva da Escola de Música, coa concelleira Raquel Rodríguez. DP

A concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, participou na presentación da Escola de Música de Poio, unha proposta novidosa que iniciará a súa actividade no municipio o vindeiro mes de outubro.

A Escola de Música daralle continuidade á actual oferta que xa ten elementos como a escola de acordeóns, ou a de música tradicional, cun lugar no que impartir formación e orientación musical a veciños de todas as idades. O director da escola, Roberto Sánchez; a xefa de estudos, María Carmen Vilela, e o secretario, Juan José Mariño, explicaron as liñas mestras que seguirán. "O noso obxectivo é conseguir que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade ou clase social".

Tal e como aclararon, a posta en marcha deste proxecto non afectará ás clases de acordeón e guitarra que xa viñan ofrecendo Mariño e Vilela antes do nacemento desta iniciativa.

A sede desta nova entidade quedará fixada nas dependencias do CEIP Lourido, na parroquia de San Salvador.

As clases ofreceranse a crianzas a partir de catro anos e tamén se prevé habilitar polo menos un grupo de adultos. As cotas oscilarán entre os 20 e os 40 euros mensuais, en función das modalidades.

Neste sentido, unha das características máis destacadas da Escola de Música é a súa versatilidade, xa que ofrece formación no uso de diferentes instrumentos. Deste xeito, porase a disposición da cidadanía clases particulares en linguaxe musical e no uso de piano, percusión, tuba, bombardino, trombón, trompeta, trompa, saxofón, clarinete ou frauta traveseira.

A directiva informa de que o prazo de matriculación xa está aberto e pódese realizar chamando ao número de teléfono 636 068 829 ou ben enviando un correo electrónico á dirección [email protected]. Tamén é posible obter máis información visitando a páxina web da escola.

Comentarios