Poio contará cun protocolo unificado de medidas para o uso de instalacións municipais

A medida busca garantir a correcta utilización das dependencias á hora de organizar cursos e iniciativas durante a pandemia
As concellerías reuníronse onte para abordar o protocolo. CONCELLO
photo_camera As concellerías reuníronse onte para abordar o protocolo. CONCELLO

O Concello de Poio non perde de vista a organización e celebración dos programas de actividades e cursos que, a través dos seus diferentes departamentos, desenvolve entre o outono e o inicio do verán. Nesta ocasión, a posta en marcha destas accións formativas estará moi marcada polo contexto derivado da Covid-19. É por iso polo que o Goberno local traballa na elaboración dun protocolo unificado de uso das instalacións municipais nas que se desenvolven estas iniciativas.

Na mañá do mércores tivo lugar unha reunión no salón de Plenos, na que participaron a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, e as responsables de Benestar Social e Mocidade e Cultura e Educación, Rosa Fernández e Raquel Rodríguez, acompañadas do persoal técnico municipal, para abordar esta cuestión.

Conscientes de que son moitos os usuarios e usuarias que, ano tras ano, amosan o seu interese en tomar parte nas programacións que levan a cabo tanta propia Administración local como o tecido asociativo do municipio, os responsables do tripartito están a elaborar o documento que establece os usos das dependencias, a fin de garantir o cumprimento de medidas e directrices determinadas polas autoridades sanitarias en materia de aforo, hixiene ou distanciamento. Precisamente, durante o encontro de onte acordouse convocar aos colectivos que organizan obradoiros e actividades nas instalacións municipais para avaliar a previsión de organización de programacións de cara á tempada 2020-2021.

COTAS. A Concellería de Igualdade continúa coa devolución dos abonamentos correspondentes ás actividades que tiveron que suspenderse o pasado mes de marzo, por mor do decreto do estado de alarma. En concreto, trátase das cotas dos talleres de pilates e ioga. Actualmente o Concello está pendente de finalizar os procesos administrativos para preceder con esta devolución. Esta medida tamén se levou a cabo noutras áreas, como foi o caso de Benestar Social e Mocidade, que tamén se viu na obriga de cancelar as sesións presenciais de Saudemente ou do obradoiro de costura. No caso dos talleres de Igualdade, o departamento dirixido por Silvia Díaz recibiu ata o de agora 31 reclamacións, se ben algunhas usuarias compensarán o pago co inicio do novo curso.

Comentarios