Poio contará con seis socorristas máis en Cabeceira e Xiorto durante o verán

A contratación farase a través de 38.000 euros dunha liña de axudas da consellería de Economía
Gente tomando el sol, en la playa de Cabeceira. DAVID FREIRE
photo_camera Gente tomando el sol, en la playa de Cabeceira. DAVID FREIRE

As praias de Cabeceira e Xiorto contarán este verán con seis socorristas máis entre as dúas, que pasará a formar parte da plantilla durante o verán, cun investimento de máis de 38.000 euros por parte da Xunta de Goberno Local, que realiza ao abeiro dunha liña de axudas por parte da Consellería de Economía e Industria.

O Concello de Poio ten previsto solicitar a achega económica á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación temporal deste persoal para as praias, un tema que foi abordado e aprobado na última Xunta de Goberno Local, celebrada o pasado martes. Deste xeito, a Administración local pedirá ao organismo autonómico unha axuda de 38.105,36 euros, para poder asumir o pago das nóminas dos traballadores que se encarguen deste servizo de vixía, que estará operativo nas praias de Cabeceira, en Lourido, e na de Xiorto, na parroquia de Raxó. Ademais, o Concello destinará preto de 1.000 euros a este orzamento, que servirá para asumir os gastos correntes en material farmacéutico e no vestiario dos profesionais.

A solicitude trasladada á Xunta de Galicia realízase ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2019, pola que se establecen as axudas e achegas para o fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, de cara ao exercicio 2020. Deste xeito, o Concello contratará a seis persoas que se atopen en situación de desemprego. A duración dos contratos será de tres meses, polo que o servizo estará operativo desde mediados do mes de xuño ata o 15 de setembro.

A vixía nestas dúas praias efectuarase entre as 12.00 e as 20.00 horas. Desde o ano 2018 o Concello aposta por "ter esta prestación lista antes do inicio oficial da temporada estival" xa que "anteriormente os socorristas chegaban aos seus postos a partir do 1 de xullo".

O concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, Xosé Luís Martínez, entende que estas contratacións "son necesarias para poder dar resposta ás necesidades da veciñanza nesta materia, debido ao aumento da poboación que experimenta Poio durante a época estival, froito da zona turística na que nos atopamos". Neste sentido, o edil nacionalista indica que é preciso "garantir a seguridade nestas praias, fomentando así a afluencia de visitantes e xerando, en consecuencia, máis actividade económica na vila".

24 TRABALLADORES. Ademais da contratación destes seis socorristas, o Concello ten previsto incluir outros 24 traballadores, con carácter temporal, para o mantemento dos areais do municipio, que se contratarán a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación, cun investimento que supera os 230.000 euros. Sobre esta cuestión, Martínez asegura que "o inverno está sendo benévolo cos areais de Poio". Segundo o edil de Medio Ambiente, "a diferenza doutros anos, nesta ocasión non se están producindo incidencias nin danos importantes". Neste sentido, a maioría das tarefas céntranse, sobre todo, "na retirada de restos que as correntes mariñas trasladan ata as praias".

O edil do tripartito tamén garantiu que os areais estarán en "perfectas condicións" de cara ao inicio da Semana Santa.

Comentarios