Poio convoca unha mobilización contra o peche do peirao da Canteira

A manifestación terá lugar o vindeiro martes ás 20.00 horas en Combarro
Zona pechada polas obras do novo emisario.
photo_camera Zona pechada polas obras do novo emisario. DP

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e diversos concelleiros do Goberno local mantiveron unha reunión con profesionais dos sectores da hostalería e do comercio de Combarro, na que se falou das consecuencias do peche da explanada do peirado da Canteira. Nesta reunión tanto o persoal do Concello, como os profesionais decidiron convocar unha manifestación para o próximo martes, co fin de conseguir que a Administración autonómica «entre en razón» respecto ás obras do novo emisario. O Concello solicitará os pertinentes permisos da Subdelegación do Goberno para esta protesta. O Goberno local entende a importancia desta obra para a ría de Pontevedra, pero declara que facela nesta tempada estival é «un prexuízo irreparable» para a dinamización e a actividade económica de Combarro, por iso piden a Portos de Galicia que se pospoñan estas obras durante os meses de xullo e agosto.

No transcurso da reunión, os asistentes amosaron a súa preocupación polos efectos negativos que esta situación vai ocasionar ós seus negocios, tanto pola reducción de estacionamentos como por como estas obras van afectar ao tráfico e á chegada de autobuses á vila durante estes meses de verán.

En canto a esta situación, o equipo de Goberno, afirma que están traballando na busca doutros espazos que se poidan habilitar para o estacionamento de autobuses, tentando que se atopen nas proximidades de Combarro. Ademáis, o concello continua co proceso de negociación para acadar aparcadoiros disuasorios noutros lugares e crear espazos para residentes. Respecto a esta última cuestión, o Goberno local quere destacar que Portos de Galicia leva seis meses sen dar resposta á solicitude presentada polo Concello, e aprobada polo Pleno, para dotar de aproximadamente 30 novas prazas de aparcamento para residentes nunha parcela do Paseo das Redeiras, que é de titularidade autonómica.

Comentarios