Poio cumpre cos requisitos para obter a bonificación do 10% no recibo de Sogama

A boa resposta por parte da veciñanza sobre o uso dos centros de compostaxe foi unha das chaves que facilitou esta redución
O Concello continuará incrementando estes espazos. CEDIDA
photo_camera O Concello continuará incrementando estes espazos. CEDIDA

O Concello de Poio contará coa bonificación do 10% no canon de Sogama pola xestión de residuos urbanos. Así o confirmou o edil de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, que indicou que a redución ascende a algo máis de 50.000 euros, tal e como constan nos informes elaborados polos técnicos.

Esta baixada, correspondente ao ano 2021, é posible grazas ás medidas aplicadas en cuestións como o fomento da recollida selectiva e que estaban orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional. Este desconto nos recibos farase efectiva en canto se poñan ao cobro.

Unha das chaves á hora de cumprir cos parámetros correspondentes para a aplicación desta bonificación ten que ver co boa resposta por parte da veciñanza á hora de facer uso de servizos como os Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) existentes en diferentes lugares da parroquia de San Salvador.

O uso habitual que utilizan un gran número de residentes destes dispositivos provocou que, tal e como constata o enxeñeiro municipal, se acadase unha "drástica redución" da cantidade de restos de materia orgánica dentro dos residuos que se envían con destino a incineración, o que supón "unha redución de custes no tratamento do lixo".

Dende a súa inauguración a finais de outubro de 2020, o primeiro Centro de Compostaxe Comunitario de Poio, situado na contorna de Ferreirós, foi quen de xerar máis de 60 toneladas de compost.

A alta demanda por parte da cidadanía levou ao departamento de Servizos Municipais, dirixido pola tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), a aumentar estas instalacións, ao mesmo tempo que se apostou tamén por dotar destes recipientes a outras zonas do núcleo da parroquia, como son Valiña e Río Miño. O obxectivo da Administración local é chegar aos 15 centros de compostaxe, que se espallarán polo municipio.

Comentarios