Poio dá o primeiro paso para sumarse ao ente supramunicipal da auga

O pleno tamén prevé solicitar a concesión dun caudal de 1.000 litros por segundo do río Lérez e o rego de Rons
Un dos depósitos do subministro municipal do Concello de Poio. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un dos depósitos do subministro municipal do Concello de Poio. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio incluirá na sesión ordinaria do pleno de setembro o acordo para iniciar os trámites necesarios para crear un ente supramunicipal de xestión de auga e dotar dunha regularidade administrativa coa que garantir a igualdade das condicións nas que se presta o abastecemento de auga á poboación de Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e Ponte Caldelas.

A creación deste organismo asegurará a cogobernanza de todos os concellos, para autorizar e fixar as condicións das captacións dos ríos Lérez e Rons, de onde se abastecen estes concellos. Ademais, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, é un dos compromisos adquiridos polos concellos con Augas de Galicia nas últimas reunións celebradas en xullo.

Agora mesmo hai unha situación de alegalidade que é urxente solucionar para regularizar e establecer a cantidade de auga que lle corresponde a cada municipio. Deste xeito, resolveranse cuestións fundamentais non só para garantir o subministro e incluso coñecer o consumo nos diferentes concellos, senón tamén para outras posibles situacións como os eventuais episodios de escaseza de auga ou, incluso, a necesidade de tramitar modificacións urbanísticas, o que prexudica ao desenvolvemento do propio concello.

Estas circunstancias, explica o alcalde, fan urxente a creación dun ente que permita a cogobernanza de todos os concellos no sistema de abastecemento.

Ademais, recorda que a Lei de Augas estatal e o Regulamento do dominio público hidráulico establecen que cando existen varios usuarios que toman auga dunha mesma captación, como é o caso, é obrigado a constitución dunha comunidade de usuarios que garanta a cogobernanza de todos os membros.

Pero, ademais, é algo para o que os concellos se comprometeron xa no ano 1983, cando se tramitou o expediente das obras da potabilizadora.

"Estamos a falar dun servizo público esencial, temos o compromiso de todos os concellos e o apoio de Augas de Galicia, e por iso é fundamental que quede resolto coa máxima celeridade posible", segundo indicou o rexedor poiense.

Ademais, o acordo que se levará ao pleno tamén inclúe solicitar a concesión dun caudal de 1.000 litros por segundo, sendo as fontes de captación de auga o río Lérez e o rego de Rons dende o encoro de Pontillón de Castro.

Á súa vez, o Goberno local sinala que esta cantidade é o máximo caudal que pode solicitar o Concello de Poio, segundo os técnicos e actúa deste xeito, acolléndose ao que se supón que solicitarán, dentro deste procedemento todos os concellos que participarán da futura entidade supramunicipal.

Comentarios