Poio defende a modificación dos impostos e acusa ao PP de "confundir á cidadanía"

O Boppo publicou onte a aprobación provisional da ordenanza, que inclúe bonificacións no Ibi para familias numerosas ►Os dirixentes municipais acusaron aos populares de "mentir"
Luciano Sobral no despacho da Alcaldía, durante unha entrevista. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde, Luciano Sobral. GONZALO GARCÍA

O Goberno local de Poio mantén "a súa aposta por impulsar uns impostos máis xustos, equitativos e equilibrados", despois de que o Partido Popular protagonizase unha enérxica protesta o pasado domingo contra a súa modificación, aprobada no último Pleno da Corporación cos votos en contra dos populares. Os dirixentes do Goberno poiense calificaron as protestas dos populares de "esforzos reiterados de contaminar e confundir á cidadanía a base de retorcer a realidade con medias verdades". Neste sentido, o equipo de Goberno non ocultou a súa "sorpresa" polo "xeito de actuar do grupo da oposición, convocando manifestacións para protestar contra medidas que, curiosamente, tamén están a adoptar, de xeito similar, outros concellos da contorna nos que goberna o propio PP".

Dende o Goberno municipal aseguraron que os populares "chegaron a afirmar no último Pleno que ningún Concello de Galicia está a aplicar subas no Ibi das segundas vivendas, cando aí están os exemplos de Marín e Sanxenxo". No primeiro caso, xa está aprobada oficialmente unha suba do 50% para o Ibi en segundas vivendas, "o dobre do que se contempla acometer en Poio" neste tipo de inmobles, mentres que en Sanxenxo xa se anunciou que esta medida tamén verá a luz proximamente. "En ambos casos, trátase do dobre da suba que se contempla en Poio, onde, ademais, non se verán afectadas vivendas arrendadas ou con persoas empadroadas", defenderon os dirixentes locais, "un feito que os populares omiten de xeito deliberado cando falan de suba de impostos", aseguraron.

O Goberno local tamén amosou a súa sorpresa por que o Partido Popular de Poio "fale nestes termos cando recentemente o seu voceiro en Pontevedra puxo como exemplo a este Concello á hora de acometer reducións e bonificacións en impostos. O seu afán por facer ruído, enredar e provocar tensión constante leva ao PP local a ir na dirección contraria dos seus propios compañeiros", apuntaron con dureza os integrantes do equipo liderado por Luciano Sobral.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) publicou este luns a aprobación provisional da ordenanza fiscal reguladora de impostos como o Ibi, o correspondente a vehículos de tracción mecánica (IVTM) ou os correspondentes ao incremento de valor dos terreos de natureza urbana (Plusvalías). A través desta medida, o Goberno local de Poio poderá aplicar unha serie de bonificacións e exencións, "en favor de familias numerosas e da redución das emisións de contaminación e de gases de efecto invernadeiro". Aquelas persoas interesadas en presentar alegacións disporán dun prazo de 30 días hábiles. En caso de que non se efectúe ningún recurso, darase por aprobadas definitivamente estas modificacións, que entrarán en vigor no ano 2022.

CAMBIOS. A modificación dos impostos inclúe a bonificación ao 50% o recibo do Ibi a familias numerosas con rendas anuais inferiores a 30.000 euros. Ademais, a través desta ordenanza fiscal, apróbanse exencións ao 95% deste imposto para explotacións agrícolas e gandeiras, así como un 25% para aqueles inmobles anteriores a 2007 que aposten pola instalación de sistemas de aforro enerxético, como poden ser, por exemplo, paneis solares.

No caso do imposto de vehículos, quedarán exentos de pago os propietarios e propietarias de automóbiles eléctricos e aplicarase un 50% de desconto a quen adquira vehículos híbridos. Ademais, realízase unha suba do 10% a turismos que non sexan destas características, suba da que quedan exentos camións, tractores, autobuses ou ciclomotores. Neste sentido, o Goberno local puntualiza que este aumento será, na maioría dos casos, de entre 3,8 e 8 euros anuais. "Pretender facer crer á veciñanza que este incremento é un ataque ás economías familiares é algo que só pode facer o PP de Poio, o mesmo que no último Pleno asegurou sen rubor que en ningún outro concello de Galicia se incrementa o Ibi en segundas vivendas, cando teñen os exemplos de Marín ou Sanxenxo, onde goberna o seu propio partido", valoraron dende o Concello.

Compromiso. Plan de Acción sobre o Clima
Segundo indicou o Goberno local, as modificacións dos impostos van "en consonancia" co "compromiso" do Concello á hora de implicarse no Plan de Acción sobre o Clima e Enerxía Sustentable, aprobado por unanimidade no Pleno de outubro. "Buscar a redución de emisións de carbono e fomentar o uso de enerxías renovables ou do aforro enerxético supón algo máis que votar a favor dunha proposta nun debate plenario e non facer ningunha achega a maiores", criticou o tripartito.

Plusvalías
A modificación da ordenanza inclúe tamén unha bonificación do 50% ás herdanzas que se fagan en vida.

Comentarios