sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Poio desbloquea a modificación da ordenanza fiscal de plusvalías sen o PP

O edil do PP Sergio Pereira e o edil de Facenda, Xulio Barreiro. DP
O edil do PP Sergio Pereira e o edil de Facenda, Xulio Barreiro. DP
O Pleno extraordinario urxente desestimou a alegación feita coa abstención do PP, que votara a favor da medida no mes de xaneiro

O Pleno extraordinario de Poio aprobou este martes con carácter uxente e de xeito definitivo a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o Incremento de Terreos de Natureza Urbana, máis coñecido como plusvalía, cos votos a favor dos grupos do Goberno local (BNG, PSdeG-PSOE e Avante Poio) e a abstención dos membros do Partido Popular. O Pleno serviu para desbloquear esta modificación, que fora aprobada inicialmente na sesión ordinaria de xaneiro e tivo que volver a ser tratada pola Corporación a causa dunha alegación presentada durante o periodo de exposición pública.

Neste caso, os representantes municipais votaron a desestimación da alegación, unha medida que se aprobou cos votos dos membros do Goberno local para a que, tal e como explicou o edil de Facenda, Xulio Barreiro, tivéronse en conta os informes de Tesourería e Intervención, que se amparan na Lei Reguladora de Facendas Locais. Neste sentido, a polémica plenaria centrouse no cambio de dirección na votación do Partido Popular que, tal e como explicou o seu edil Sergio Pereira, se ben votara a favor da aprobación da modificación no pasado mes de xaneiro, agora abstense "porque o que se está votando é a reclamación veciñal, e no seu momento nós xa dixeramos que isto ía xerar controversia". Pereira referiuse ao novo prazo para a solicitude das bonificacións vixentes para este imposto, e que afecta ás declaracións que se deberían ter realizado entre o 14 de marzo e o 3 de outubro de 2020. Agora, o novo periodo finalizará o 9 de maio, xunto ao estado de alarma vixente.

O edil do PP rebateu o establecemento deste periodo alegando que "en agosto non estabamos perimetrados, mentres que en febreiro había 450 casos de covid-19 en Poio. Por que febreiro non entra dentro do periodo e agosto si? Por que son seis meses e non oito, ou un ano que levamos de estado de alarma?". Neste sentido, Pereira tachou a medida de "insuficiente" alegando que "inicialmente votamos a favor para axudar aos veciños que se ían beneficiar, pero advertimos que ía haber outros que non, por iso nos abstemos, depois da reclamación". Segundo Pereira, ademais, "os veciños que se acollan a esta bonificación con efecto retroactivo terán que pagar recarga. Como explica o Goberno local que un veciño se poida beneficiar dunha bonificación e ao mesmo tempo vaia ser penalizado cunha recarga dun 20%?".

O motivo da modificación da ordenanza vén derivado da confusión xerada en parte da veciñanza debido ao aprazamento do imposto de herdanzas por parte da Xunta de Galicia pola situación provocada co estado de alarma. Se ben o habitual é que a liquidación da plusvalía se leve a cabo "ao mesmo tempo que o correspondente ao de herdanzas", tal e como lembrou Xulio Barreiro, isto derivou en que algúns veciños e veciñas non presentaran a liquidación da plusvalía no Oral, que xestiona este imposto en Poio, ao entender que neste caso tamén existía un aprazamento que non se levou a cabo no Oral, polo que os veciños que non presentaron a plusvalía no seu momento, perderon a bonificación. Así, a modificación da ordenanza pretende "solucionar este problema", algo que, tal e como coincidiron o edil do PSdeG-PSOE, Gregorio Agís, e a edil de Avante Poio, Silvia Díaz, "é de xustiza".

O edil do PP, Sergio Pereira, non dubidou en acusar ao tripartito de levar a cabo "unha mala xestión. Isto é unha patraña", afeou, "os veciños van ter unha bonificación pero terán que pagar o recargo. A da Xunta é unha boa xestión, isto non". A pesar de que o equipo de Goberno tachou de "incoherencia" os votos dos populares, estes insistiron na supresión das plusvalías, "un imposto inxusto e cuestionado pola xustiza", valoraron.

Poio desbloquea a modificación da ordenanza fiscal de plusvalías...
Comentarios
ç