O concello de Poio negocia co Estado a apertura da Illa de Tambo

Podería deixar de ser titularidade de Defensa e pasar a mans do Concello, para recibir visitantes
Excursión á illa. RAFA FARIÑA
photo_camera Excursión á illa. RAFA FARIÑA

Ábrese un novo capítulo nas negociacións entre o Concello de Poio e o Goberno central, co obxectivo de lograr a ansiada apertura da Illa de Tambo, e que desta volta poderían resultar definitvas, segundo informaron dende o Concello.

A titularidade da Illa de Tambo continúa en mans do Ministerio de Defensa, aínda que ao espazo xa non se lle dá uso militar dende principios do século XXI. Dende hai varios anos, a recuperación da illa para o Concello de Poio converteuse nunha demanda histórica por parte do eido social e veciñal local, que pide a súa apertura para poder visitalo.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, recibiu esta semana unha chamada dende a Secretaría Xeral de Política do Estado para abordar este asunto. O rexedor explica que durante a conversa falouse da posibilidade de retomar as xestións para conseguir o cambio de titularidade da emblemática illa, que pasaría a estar en mans do Concello. Dende o Goberno local aclaran que son conscientes de que a apertura de Tambo pode ser "un proceso longo", pero que se trata dun obxectivo prioritario para a Administración local dende hai "moito tempo". De feito, nos últimos anos realizáronse diversas xestións ante o Estado para tratar de desatascar o proceso, e tamén se creou a Comisión de Seguemento da Illa de Tambo, que se volverá reunir de xeito telemático o vindeiro día 12 de novembro, ás 19.30 horas, co fin de informar aos colectivos representados neste órgano, que está presidido polo concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, das últimas novidades no proceso.

Tal e como lle trasladaron os representantes da institución estatal ao alcalde, serán agora os técnicos do Ministerio de Defensa os que elaboren un informe sobre o valor patrimonial da illa. A partir de aí, preténdese consensuar a fórmula que permita que o Concello asuma a súa xestión. O Goberno local manifestou o seu desexo de que a illa se poida consolidar coma "un enclave aberto á cidadanía, a través dun uso racional e protexido". Dende hai algo máis dun ano, Defensa, a través da Escola Naval Militar, xa permitiu algunhas excursións guiadas a Tambo, cun número limitado de participantes.

Exposición Tambo, a illa sonada 
O Concello de Poio nunca deixou de estar pendente da situación da Illa de Tambo, que é o motivo central dun dos traballos dos departamentos de Promoción Económica e Turismo: Tambo, a illa sonada. Trátase dunha iniciativa que contempla unha xornada temática na que está incluida unha exposición co mesmo nome, que servirá para dar a coñecer os detalles do proxecto ideado polo arquitecto Sergio Portela.
Esta iniciativa tivo que ser adiada temporalmente ata que a situación sanitaria permita a súa celebración. Con respecto á mostra, en cuxa posta a punto tamén colabora a Asociación Irmandade Illa de Tambo, consta de 21 paneis informativos, a través dos cales os e as visitantes terán ocasión de coñecer as características da illa, facendo un percorrido pola súa historia ata a actualidade, e incluirá diferentes coloquios. A través deste proxecto, Portela tamén achega propostas para un plan de usos sobre os espazos de Tambo.

Comentarios