Poio destinará 10.000 euros a axudas para asociacións de mulleres

As subvencións están destinadas ás iniciativas en favor da igualdade
Silvia Díaz. GONZALO GARCÍA
photo_camera Silvia Díaz. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio impulsa, a través da área de Igualdade, unha liña de subvencións específica para asociacións de mulleres, co obxectivo de promover, consolidar e fomentar iniciativas, campañas de sensibilización e actividades en favor do fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de prevención contra a violencia de xénero.

Tal e como explicou a concelleira, Silvia Díaz, este ano, ao igual que na convocatoria correspondente a 2022, a contía total destinada a este apartado ascenderá a 10.000 euros.

Do mesmo xeito, as bases destas axudas, que se tramitan por concorrencia non competitiva, foron xa aprobadas pola Xunta de Goberno Local. O prazo de apertura das solicitudes abrirase nas vindeiras semanas, unha vez transcorra un mes desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo).

O documento xa se pode consultar na Sede Electrónica do Concello de Poio e as peticións, unha vez se abra o devandito período de presentación, deberán formularse por vía telemática. Cada proxecto presentado poderá contar cunha axuda máxima de 1.000 euros. As subvencións cubrirán os custes daquelas iniciativas que se leven a cabo entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023.

As asociacións interesadas en beneficiarse destas subvencións deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde a Concellería de Igualdade con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo.

"Para nós é un obxectivo prioritario seguir contribuíndo a dinamizar, axudar e dar visibilidade ao labor que realizaron as asociacións de mulleres do noso concello" indica a concelleira, que remarca que a idea é tamén cumprir cun dos puntos estipulados na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, en materia de igualdade, así como no IV Plan de Igualdade do Concello de Poio, aprobado en 2022.

Comentarios