Poio destinará máis de 700.000 euros á humanización de núcleos tradicionais

Ás actuacións proxectadas en Lameiriña (Raxó) ou na Primeira Travesía da Seara súmaselle a de Camiño Casal
Estado de Camiño Casal, que se suma á lista de actuacións do Concello. DP
photo_camera Estado de Camiño Casal, que se suma á lista de actuacións do Concello. DP

O Concello de Poio anunciou este xoves a execución dun ambicioso proxecto de humanización en Camiño Casal, situado na contorna da Seara, que é un dos principais núcleos da parroquia de San Xoán. Trátase dunha actuación que, tal e como explicou a tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada, ten coma obxectivo dar resposta ás necesidades da veciñanza e completar as tarefas de mellora da mobilidade e recuperación da contorna iniciados xa neste lugar e que foron adxudicadas recentemente á empresa Marconsa, logo do cese de actividade de Nexia Infraestructuras.

Este proxecto conta cun orzamento que ascende a 180.888 euros, IVE engadido. Entre os traballos contemplados figuran a mellora do firme, que pasará a ser empedrado, e a adaptación de rasantes. O financiamento para facer realidade estas obras obterase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2021. Neste sentido, o Goberno local lembrou que proxecta tres obras a través destes fondos provinciais, cunha contía total que roza os 743.000 euros, en varios puntos do municipio.

MÁIS OBRAS. Ademais do proxecto correspondente ao Camiño Casal, o Concello de Poio pretende investir outros 170.243 euros na mellora da Primeira Travesía da Seara, ademais de 391.823 euros na humanización da Rúa Lameiriña, na parroquia de Raxó. Neste caso, o proxecto actualizado supón unha importante mellora con respecto ao orixinal, xa que inclúe que a mellora se estenda ata Caneliñas, coa mellora do firme e de servizos como abastecemento, instalándose, ademais, un total de dez bocas de rego.

A obra da rúa Lameiriña é tamén un dos proxecto dos que o Concello adxudicara a Nexia Infraestructuras, e que non chegou a comezar, debido ao cese da entidade. Agora, tal e como adiantara a Concellería hai uns meses, levarase a cabo baixo uns novos parámetros que suporán abarcar a mellora dunha superficie maior, nunha actuación que se estenderá ao longo de máis de 600 metros e afectará a rúa Lameiriña, Praza Lameiriña, rúa Caneliñas e a un ramal que enlaza a contorna coa Avenida da Toxa, na PO-308.

A mellora de Lameiriña foi, nos últimos meses, obxecto dunha forte demanda veciñal, que aqueixaba o estado da vía, pragada de fondos socavóns que repercuten nalgúns dos domicilios da vía, nos que se teñen producido roturas de cristais debido á proxección das pedras soltas ao paso dos coches, ou humidades provocadas polas salpicaduras en tempada de choivas.

No caso do Camiño Casal, Chelo Besada explicou que "existen tramos nos que os servizos ou se atopan en mal estado e tamén hai partes nos que é necesario instalalos". Deste xeito, procederase á dotación de canalizacións de saneamento e pluviais, así como ao soterramento das telecomunicacións. Por último, levarase a cabo a instalación de novas luminarias.

En canto á substitución do firme, tal e como informou a Concellería de Obras e Servizos, está previsto que se actúe nunha superficie de 934 metros cadrados. Logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase o proxecto e a solicitude de fondos a través do Plan Concellos, a tenente de alcalde de Poio confía en que a tramitación burocrática "sexa o máis áxil posible", o que facilitaría que, tal e copmo se agarda, os traballos puidesen comezar "no menor tempo posible". 

Comentarios