Poio distinguirá a cinco veciñas referentes que son "as nosas nais e avoas" polo 8-M

Julia Prado, Dolores Balboa, Laura Currás, Peregrina García e Rosa Rey recibirán unha homenaxe o día 10 de marzo no Palacete de Besada
Representantes do Consello Municipal da Muller, onte durante a presentación dos actos. J. CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Representantes do Consello Municipal da Muller, onte durante a presentación dos actos. J. CERVERA-MERCADILLO

"É moi importante para nós poñer o foco na vida destas mulleres que son as nosas nais e avoas, e cuxo papel na sociedade foi minimizado durante anos". Con estas palabras presentaba onte a edil de Igualdade de Poio, Silvia Díaz, ás cinco mulleres referentes que serán homenaxeadas con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo), nun acto central que terá lugar o venres 10 de marzo no Palacete de Besada, a partir das 20.00 horas.

Elas son Julia Prado Iglesias (Raxó), Dolores Balboa Barreiro (Samieira), Laura Currás Fernández (Combarro), Peregrina García Castro (San Xoán) e Rosa Rey Amoedo (San Salvador), e as súas historias, que xa foron recollidas no libro que tamén se presentará no acto Mulleres en Poio 2023 (Polo Correo do Vento), trascenden ata o plano laboral e social do municipio. Julia Vallejo compaxinou durante moitos anos os seus estudos na escola coas tarefas no fogar, e traballou en sectores como a conserva ou o bateeiro, mentres que Laura Currás é coñecida por rexentar o Hogar del Puerto, un dos establecementos hostaleiros máis emblemáticos de Combarro, no que precisamente repartiu o pasado Nadal 400.000 euros do Premio Gordo da Lotería. Rosa Rey, de San Salvador, exerceu de mestra de primaria durante décadas, formando a varias xeracións de nenos e nenas, e é coñecida tamén pola súa paixón polo teatro e colabora habitualmente coa Asociación Veciñal do Vao.

Dolores, ao igual que Julia, tamén conta cunha longa experiencia traballando nas conserveiras, e ademais chegou a ter oito ferrados, catro de viña e catro de horta, ao tempo que coidaba galiñas, porcos e unha vaca na súa Samieira natal. Todo isto sen renunciar á música, unha das súas grandes paixóns, sendo unha das pandeireteiras máis coñecidas da vila. Por último, Peregrina García Castro segue a día de hoxe axudando aos seus veciños e veciñas no que sexa necesario, ao tempo que traballa na súa horta. Durante moitos anos encargouse de levar leite ás casas e a vender centeo e follato na Praza da Leña de Pontevedra.

A través desta iniciativa, o Consello da Muller, que tamén integra diferentes colectivos veciñais adicados ás mulleres, e que resolveu destacar a figura destas cinco veciñas, incide na necesidade de "homenaxear toda unha vida de superación para saír adiante nuns anos que, como elas contan, foron difíciles para as mulleres", explica Díaz.

Pola súa banda, o libro que recolle as súas vidas, ilustrado por Tania Solla, terá unha tirada de 1.000 exemplares, e financiarase a través dunha subvención de 6.000 euros concedida a Igualdade pola Deputación de Pontevedra.

O propio 8 de marzo tamén terá lugar o acto institucional ás portas do Concello de Poio, onde se dará lectura ao manifesto, que será consensuado de xeito conxunto no vindeiro Pleno da Corporación, tal e como explicou a edil de Igualdade, por todos os grupos políticos, "xa que consideramos que non ten sentido facer diferencias partidistas neste eido, cando falamos de igualdade".

O Programa
Visibles, empondeiradas e iguais
Segundo destacou a psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM ) de Poio, Lidia Fazanes, baixo o lema Visibles, empondeiradas e iguais, este ano quíxose incidir na aprendizaxe nos centros de primaria, polo que as vidas de Julia, Dolores, Laura, Peregrina e Rosa serán tamén o eixe central dos contacontos que se levarán a cabo por parte dos propios integrantes de Polo Correo do Vento nos CEI PS do municipio.

A primeira sesión terá lugar o día 21 no CEI P Viñas para, a continuación, desenvolverse en Lourido e Isidora Riestra (xoves 23) e Chancelas e Espedregada (venres 24). "Contamos nesta campaña cunha artesá de Poio, Alba López, de Buchiladas, que deseñará os agasallos das homenaxeadas", engadiu a edil de Igualdade, Silvia Díaz.

Comentarios