Poio dotará con elementos biosaudables a nova zona verde habilitada na Caeira

Trátase dun terreo na confluencia das rúas Río Sil e Umia que conta con bancos, baranda e árbores, e no que se poderá practicar exercicio
A edil de Seguridade Cidadá e o de Facenda, na súa recente visita ao novo espazo de descanso. D.P.
photo_camera A edil de Seguridade Cidadá e o de Facenda, na súa recente visita ao novo espazo de descanso. D.P.

El Concello de Poio está a habilitar unha zona verde na Caeira, na parroquia de San Salvador, pensada para facer que os distintos puntos do municipio conten cunha escala máis humana, combinando espazos verdes que permitan manter hábitos saudables.

Neste caso, esta nova área de lecer emprázase nas inmediacións do vial construído neste mandato que enlaza as rúas Río Sil e Umia. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, acompañada polo responsable de Facenda, Xulio Barreiro, acudiron ao lugar no que se estivo traballando.

Caldas sinalou a importancia de habilitar un espazo destas características no que é un dos principais núcleos da parroquia con máis poboación de Poio.

A nova área de lecer conta con mobiliario de descanso, incluídos bancos de pedra, "totalmente respectuosos coa contorna", apuntou a concelleira do Goberno municipal, que tamén salienta a dotación de árbores e elementos vexetais, e a instalación dun valado de madeira. "Máis ca unha zona de descanso, aspiramos a que sexa un punto de encontro para os veciños e veciñas da Caeira", explicou Caldas Moreira, que adianta que proximamente, en canto as condicións meteorolóxicas así o permitan, procederase tamén á instalación de aparellos biosaudables para facer o espazo útil para todas as xeracións.

Tal e como afirma o Goberno local, esta actuación "segue a filosofía da campaña Poio en Verde". Esta iniciativa está impulsada de xeito transversal por varias áreas, como son Medio Ambiente, Deportes, Seguridade Cidadá, Cultura e Educación, e fixa obxectivos para a dotación de zonas e espazos ao aire libre, a través dos cales se poidan fomentar hábitos saudables e o respecto pola contorna.

Comentarios