Poio eliminou unha trintena de verquidos incontrolados neste ano

O Concello rexistra unha elevada demanda de biotrituradoras, servizo operativo desde hai días
Verquido incontrolado en Poio. DP
photo_camera Verquido incontrolado en Poio. DP

Trinta verquidos, de case trinta toneladas no que vai de ano. É o balance do servizo de recollida de voluminosos, unha prestación gratuíta da que se poden beneficiar a veciñanza de Poio para desprenderse de diferentes restos de gran tamaño.

Así se desprende do informe elaborado pola empresa responsable do tratamento e retirada de residuos no concello, Valoriza, que sostén que ata o pasado 15 de marzo xa se tiñan retiradas un total de 29,66 toneladas de restos. O 50% desta cantidade corresponde a mobles antigos, destacando tamén as cantidades de chatarra (case 9 toneladas). Os colchóns, electrodomésticos e restos sanitarios completan a listaxe.

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, destacou o luns que 183 intervencións foron retiradas a través das peticións realizadas pola cidadanía e a diferenza foron efectuadas por iniciativa municipal.

A estas actuacións súmanse as 32 efectuadas para retirar verquidos incontrolados localizados en diferentes emprazamentos da vía pública. Neste sentido, o edil que o Concello detectou unn incremento na cantidade de voluminosos retirados, que responde a que cada vez son máis as persoas que fan uso do servizo. "Isto é unha moi boa nova", dixo Casás, "porque demostra o nivel de compromiso e interese existente entre a cidadanía para efectuar un tratamento axeitado deste tipo de residuos".

Non obstante, Casás Barral tamén advertiu que "aínda queda moito por avanzar" no que á eliminación de abandono de restos en lugares prohibidos se refire, e lembrou que este tipo de accións "están penadas pola lei" e as persoas responsables destes actos expóñense a facer fronte a cuantiosas multas económicas, que, no caso das sancións máis graves, poden chegar ata os 6.000 euros.

"Contamos cun servizo de recollida que funciona correctamente, que é gratuíto e que está a disposición da veciñanza, polo que non hai xustificación para abandonar restos na vía pública ou depositalos nos contedores non correspondentes", advertiu o titular de Obras e Servizos Municipais.

Desde o Concello lémbrase que se pode dispoñer deste servizo chamando ao número de teléfono 986771185, cun horario de luns a venres de 9 a 13 horas.

Biotrituradoras

Por outra banda, unha trintena de persoas vén de solicitar o uso das biotrituradoras adquiridas con fondos europeos, servizo posto en marcha polo Concello de Poi hai uns días. "Xa comezamos a facer entrega dos dispositivos ás primeiras persoas que completaron as solicitudes", indicou o concelleiro Julio Casás, que lembrou que as persoas interesadas deben poñerse en contacto coa mestra composteira, a través do teléfono 604025288. Tamén é posible obter máis información chamando ao 986770001.

Xa comezamos a facer entrega dos dispositivos ás primeiras persoas que completaron as solicitudes"

Reducir ao máximo as queimas, evitar un tratamento non axeitado de restos de poda, plantas ou viñedos e a posibilidade de crear estruturante natural de primeira calidade para a compostaxe son algúns dos beneficios que se conseguen facendo uso destes dispositivos.

Para realizar o empréstamo, as persoas solicitantes deberán cubrir un formulario previo. Ademais, tamén se lles fai uso dunha guía rápida de utilización da maquinaria.

Comentarios