viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

Poio engade 12.000 euros máis á partida do Fondo de Emerxencia Social

Rosa Fernández.
Rosa Fernández.
Ante a crise da pandemia, Servizos Sociais xa investiu 40.000 euros neste fin, e prevese chegar aos 70.000 

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio vén de anunciar que engadirá 12.000 euros máis ao Fondo de Emerxencia Social, ante a crise derivada da Covid-19. A concellería explicou que se seguen a impulsar actuacións para reforzar o Fondo, a través do cal se lle presta auxilio a unhas 300 familias aproximadamente do municipio, que se atopan nunha situación de risco de exclusión social.

A día de hoxe, con motivo da situación derivada da Covid-19, xa se investiron preto de 40.000 euros neste apartado e a previsión é chegar aos 70.000, aproximadamente, a finais de ano, o que supón máis do dobre do investido en 2019. Deste xeito, a área dirixida por Rosa Fernández vén de reforzar este fondo con 12.000 euros que, inicialmente, estaban previstos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Nun principio, no Orzamento de 2020 prevíanse 32.000 euros para o Fondo de Emerxencia Social, unha contía que houbo que incrementar pola crise sanitaria. Deste xeito, hai uns meses xa se realizou unha modificación de crédito de 25.000 euros, así como no último Pleno extraordinario, no que se destinaron outros 6.700 euros que proveñen de fondos que, inicialmente, Festexos ía destinar á organización de eventos lúdicos que non se puideron celebrar pola situación da pandemia. As inxeccións económicas para este servizo continuarán realizándose con novas modificacións orzamentarias proximamente.

Neste sentido, Rosa Fernández insiste en que, "lonxe de quedar sen fondos", o departamento conta con cartos "suficientes" para continuar dando resposta ás necesidades daquelas familias que cumpren co establecido nos informes técnicos á hora de optar a estas axudas. A través do Fondo de Emerxencias social utilízanse para a adquisición de alimentos frescos, medicamentos ou pago de alugamento e recibos, así como en compra de material escolar para as crianzas destas familias.

Pola súa banda, o Partido Popular criticou que se faga «unha nova modificación orzamentaria para incrementar a partida económica de Emerxencia Social, tal e como lles solicitou o PP de Poio no último Pleno, e no que o tripartito negou a necesidade de incrementar esta partida económica». O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, destacou que «no último Pleno celebrado en Poio, dos 73.000 euros desviados polo tripartito ao non celebrarse festas, só 6.700 euros foron realmente a Servizos Sociais, mentres que máis do 90% ían para outros fins, como 11.000 euros a lombos».

BONIFICACIÓN DO LIXO. A crise sanitaria tamén levou ao Concello de Poio a activar a posibilidade de solicitar a bonificación do 100% da taxa do lixo, unha solicitude que 29 empresas e autónomos xa presentaron a día de hoxe.

A medida impulsada polo tripartito, composto polo BNG, PSOE e Avante Poio, destinada aos negocios locais que tiveron que cesar a súa actividade profesional durante o estado de alarma, debido á expansión da pandemia da covid-19. O concelleiro de facenda, Xulio Barreiro, lembrou que o prazo para presentar as peticións permanecerá aberto ata mañá. Unha vez conclúa este período, o Concello procederá a examinar todas as solicitudes, para, a continuación, publicar o listado de admitidos que cumpren cos requisitos necesarios para acceder a esta bonificación. Os excluídos contarán cun prazo de cinco días para presentar alegacións. Finalmente, darase traslado á empresa responsable da confección dos recibos, aos efectos de aplicar a bonificación no primeiro bimestre que resulte posible, ate completar o importe total.

Poio engade 12.000 euros máis á partida do Fondo de Emerxencia Social
Comentarios