Poio entregará premios ás oito gañadoras do Xaime Illa

O acto celebrarase este mércores pola tarde no centro social co mesmo nome, en Raxó
Entrega de premios de 2022. J. C.
photo_camera Entrega de premios de 2022. J. C.

A XXXI edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto, organizado pola Concellería de Cultura, a SCD Raxó e o Consello Municipal de Cultura, xa conta con gañadoras. O xurado encargado de valorar as obras reuniuse a pasada semana para fallar o resultado do certame, que nesta ocasión viu incrementadas as contías dos premios. A entrega de galardóns será o mércores, a partir das 17.30 horas, dentro dos actos centrais do conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se adica a Francisco Fernández del Riego. A cita tamén incluirá un faladoiro sobre comunicación, na que intervirán as xornalistas Belén López e Sara Vila.

Na Categoría A, de 6 a 8 anos, Irene Rey Redondo (veciña de San Xoán e alumna do Isidora Riestra) presentou tanto o mellor poema como o mellor conto. Na categoría B (9- 11 anos), as gañadoras foron Daniela López García en poesía (tamén alumna do Isidora Riestra e de San Xoán) e Carla García Vicente (de Combarro e alumna do Isidora Riestra). Na categoría C (12-13 anos), o poema e o conto que se levaron o primeiro premio foron os de Candela Martínez (San Salvador, IES Poio) e Aldara Casalderrey (San Xoán, IES Poio). Na categoría D, Naiara Curra Quiñones (San Xoán e do IES Poio), foi a gañadora na categoría de poesía. Quedou deserto o de relato curto, así como os dous premios no grupo de 16 a 17 anos. Por último, en maiores de 18 anos, a mellor poesía foi a presentada por Alicia Souto Piñeiro, de Marín, e o mellor relato curto foi o de Dolores Asenjo Gil, de Santiago de Compostela.

Comentarios