O San Xoán volve a ser a festa máis representativa de Poio e os veciños xa o gozan desde as 21.00 horas deste mércores, momento en que o festexo deu o pistoletazo de saída, coa lectura do pregón, a entrega de premios aos deportistas do ano, e unha tarde lúdica que concluíu cunha gran degustación de rosca no entorno do Concello.

O pregoeiro, o dramaturgo e actor Quico Cadaval non deixou un recuncho da historia de Poio sen revisar antes de dar o seu discurso de benvida ás festas e parou especialmente no Padre Sarmiento, ao que atribuiu o Camiño Espiritual, o recoñecemento das herbas de San Xoán, e mesmo a creación do Xardín Botánico de Madrid. Un percorrido que mesmo o levou a ter que mentar ‘de pasada’ a Sir Francis Drake, Colón ou Shakespeare, "dos que xa falaremos", indicou, para darlle paso ao seguinte discurso ao máis puro estilo Amanece que no es poco: "Todos somos continxentes, pero o alcalde ten unhas palabras", dixo.
Luciano Sobral non esqueceu na súa alocución os dous anos nos que a covid deixou a Poio sen a súa gran cita, e animou á veciñanza a queimar os malos recordos nas fogueiras.

No capítulo de agradecementos, o rexedor non deixou a ninguén: familias, colectivos culturais que cooperan na organización das festas, e deportistas premiados este ano polo seu labor.
Tamén o responsable de Festexos, Xosé Luís Martínez Blanco, se acordou de agradecer o traballo e esforzo colectivo realizado cada ano co gallo desta festa, que considerou representativa xa de Poio "e que fai que os turistas que se achegan ás nosas festas falen dun concello aberto ás xentes, amante da tradición e cheo de vida".
A festa iniciouse co percorrido da Asociación Máis Canto desde os aledaños do Concello, e continuou coa interpretación de varios temas desta mesma agrupación, que mesmo se atreveu cunha versión do himno de Galicia. Ao remate, os asistentes participaron na degustación de máis de cen quilos de rosca e 300 litros de viño.

No caso dos areais, lémbrase que só estarán permitidas en Lourido, Raxó, Campelo, O Padrón, O Laño e Ouriceira.