Poio estima que obterá a titularidade de Tambo en menos de dous anos

Gregorio Agís avanzou a este medio que Concello e Defensa xa traballan cun borrador de acordo
O faro de Tambo nunha visita á illa organizada en 2018. RAFA FARIÑA
photo_camera O faro de Tambo nunha visita á illa organizada en 2018. RAFA FARIÑA

Despois de que o pasado mes de novembro o Concello de Poio iniciara a fase previa para as xestións do traspaso da Illa de Tambo, que inicialmente estimaban cunha duración duns cinco anos, as predicións veñen de mudar favorablemente. Así o confirmou o edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, en entrevista con este medio, ao que avanzou que o tempo estimado para a obtención da titularidade da illa é de "menos de dous anos", é dicir, "antes de rematar este mandato". 

Tal e como explicou o concelleiro, o "bo entendemento" co Ministerio de Defensa está a facer que se acurten os tempos. Neste sentido, as negociacións "xa están moi avanzadas" e estanse a desenvolver mediante un borrador de acordo "sobre un texto concreto". Aínda que, aclarou, "dar unha data sempre é complicado, porque o Ministerio é unha maquinaria pesada, o obxectivo é que en dous anos quede completamente resolto, porque xa temos definido o que queremos en canto ao desenvolvemento do proxecto e como abordar o futuro no que respecta á recuperación e rehabilitación. É unha oportunidade histórica". 

O desenvolvemento do proxecto que pretende o Concello de Poio é, precisamente, o que "tranquiliza a Defensa". Así, asegurou Agís, "nós temos as cousas moi claras e todo bastante definido, e Defensa ve que aquí hai un proxecto serio, xa que eles teñen unha relación sentimental coa illa e non queren que quede de calquera xeito. Saben que a nós preocúpanos o futuro, que non só ten que ver con que a illa sexa pública, senon con que se conserve, se respecte, que esté controlada e se manteña a vixiancia". 

O Concello mativo xa varias xuntanzas co Ministerio e o propio Agís reuniuse co subdelegado de Defensa, quen amosou a súa satisfación acerca da visión de Poio sobre a illa. "Díxonos que levara unha imaxe moi positiva e, nese sentido, as posturas están próximas". 

A maior preocupación do Goberno local pasa, nestes momentos, pola masa forestal existente en Tambo, que periga ante un posible incendio debido á grande cantidade de especies como os eucaliptos, polo que a transición desa masa forestal, que é algo que dependerá do Concello unha vez se complete a titularidade, "é algo no que temos que profundizar". 

Para o edil de Promoción Económica, o traspaso da illa é unha prioridade, polo que as condicións xa se están a recoller "nun texto concreto para deixar todo perfectamente estipulado". 

ABERTA, PERO REGULADA. A apertura da illa será unha realidade en menos tempo do que se estimaba nun principio, pero o acceso á mesma estará regulado por cantidade de aforo, unha medida para a preservación dos espazos naturais sobre a que, lembra Agís, "nos últimos anos houbo moito debate". Neste sentido, referiuse ao modelo de Ons e Cíes como exemplo de control de aforo e asegurou que se implantarán "medidas de protección, conservación e vixiancia", así como "un protocolo de acceso á illa, cunhas visitas concretas cun número determinado de persoas. Non se pode deixar este espazo ao libre albedrío, porque entón perderiamos o control da illa". Neste sentido, asegurou que, aínda que o control de aforo será unha medida que se aplicará a Tambo, "está por definir de que xeito se fará, en que condicións, ou se se pode ou non quedar alí pola noite. Todo iso hai que configuralo aínda". 

Con respecto á preservación do espazo, asegurou, "que a illa chegue intacta aos nosos días é un auténtico milagre. En circunstancias normais estaría exposta aos procesos especulativos que houbo nos anos 70, 80 e 90, e a saber o que pasaría con ela. Hai que recoñecer que o feito de que estivera baixo a xestión de Defensa foi unha vantaxe, porque a deixou libre deses procesos, polo que chega aos nosos días nunhas condicións moi favorables. Agora hai que establecer medidas de protección para que iso siga sendo así", aclarou Agís.

Neste sentido, afirmou, "traballamos cun proxecto solvente e iso é o que nos permitiu avanzar tanto con Defensa".

Unha illa con valor patrimonial
Á marxe da preocupación pola masa forestal, que haberá que reconfigurar para evitar incendios, o Concello ten claro cal será o futuro de Tambo, e este pasa, precisamente, por un proxecto que poña en valor o patrimonio, a arquitectura e a natureza do entorno.
As directrices do proxecto van da man do estudo realizado polo arquitecto Sergio Portela, que sitúa un castro no cumio da illa, e pon en valor elementos coma o característico faro, dos poucos que quedan coa escada por fora, a capela existente, ou unha ágora. Así, acometerase a restauración de moitos dos elementos orixinais do entorno.
Ademais, eliminaríanse unhas infraestruturas de servizo á praia instaladas por Defensa sen valor arquitectónico, para facer posible que, co tempo, o areal recupere o seu sistema dunar orixinal e a foresta.

Comentarios